Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Guillem Veiga Iglesias prepara uha nova edición do DiversiPrix, o 29 de xuño en San Miguel de Reinante

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros colaboran na organización desta xornada de ocio inclusivo

Barreiros, 6 de xuño de 2025.- San Miguel de Reinante, en Barreiros, acollerá o vindeiro 29 de xuño a xornada lúdica e deportiva DiversiPrix, organizada pola Asociación Guillem Veiga Iglesias coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.

Baixo o lema “Onde enredarnos como iguais” , a asociación programa unha xornada lúdica con diferentes actividades – probas de puntería, obstáculos, un futbolín humano, xogos coperativos, de habilidade e lóxica ou xogos de mesa xigantes – pensadas para a participación de rapazas e rapaces con diferentes capacidades, creando equipos diversos que favorezan a convivencia.

Os grupos, formados por persoas con e sen diversidade funcional, realizarán un percorrido de cinco probas, distribuíndo as tarefas e colaborando para desenvolvelas de forma colectiva.

A alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, o deputado de Mocidade Daniel García e Carmen Iglesias e Nicolás Veiga -impulsores da asociación – presentaron esta proposta de ocio inclusivo, que se desenvolverá no campo da festa de San Miguel de Reinante e que contará cunha trintena de persoas voluntarias para acompañar as persoas participantes, ademais de materiais adaptados con sinalética en braille ou pictogramas.

Ana Ermida e Daniel García convidaron a participar nesta actividade “que ofrece unha oportunidade de ocio accesible e compartido” e “traslada a toda a sociedade a necesidade de seguirmos avanzando na inclusión en todos os ámbitos”.

A Asociación Guillem Veiga Iglesias, creada en homenaxe a Guillem Veiga Igleias, ofrece servizos de asesoramento e apoio para facilitar a detección precoz de dificultades relacionadas co desenvolvemento e organiza actividades de formación, sensiblización e ocio dirixidas a mellorar a calidade de vida e o benestar emocional das nenas e nenos e das súas familias.

A entidade, sen ánimo de lucro, comezou a desenvolver a súa actividade en 2018, desde San Miguel de Reinante, onde teñen a sede, e dirixida fundamentalmente á comarca da Mariña.

Exit mobile version