Denuncian o incumprimento da Lei de Riscos Laborais
CIG Saúde A Mariña levou o asunto ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral en diversas ocasións sen unha resposta positiva por parte da Xerencia da Área Sanitaria.
MALA PLANIFICACIÓN DA XERENCIA DA ÁREA SANITARIA
“Nos últimos meses foron entregadas en diversos Centros de Saúde padiolas regulables, pero a Xerencia da Área Sanitaria non priorizou a súa instalación nas traballadoras con informes de saúde laboral, poñendo en risco a súa saúde”, explican.
A IMPORTANCIA DAS PADIOLAS REGULABLES NA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS
A central sindical resalta que unha parte importante dos accidentes laborais con baixa que sofren os profesionais están relacionados con sobreesforzos, principalmente lesiones dorso-lumbares e trastornos músculo-esqueléticos. “Estes tipos de doenzas son compatibles co uso de equipos de traballo pouco ergonómicos, como o son as padiolas non regulables en altura que se utilizan habitualmente, mentres que as que poden nivelarse son esenciais para mellorar as posturas de acceso á hora da exploración, a mobilización, a atención a pacientes que, na maioría de ocasións, require axuda dos profesionais”, subliñan.
SOLUCIÓN OU DENUNCIA EN INSPECCIÓN DE TRABALLO
“A Xerencia da Área Sanitaria incumpre a Lei de Riscos Laborais e fai omiso aos informes de Saúde Laboral, poñendo en risco a saúde da traballadora do Centro de Saúde de San Cibrao”, engaden, “polo que de non existir unha actuación inmediata que corrixa as situación verémonos na obriga de presentar denuncia na Inspección de Traballo”, conclúen.