A Plataforma comarcal en defensa da sanidade pública convoca concentración ás 20h diante do centro hospitalario
Un desmantelamento froito de anos de políticas de recortes do PP
A CIG-Saúde reitera que a actual situación de desmantelamento e falta de profesionais “é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias”.
Denuncian que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”.
Reivindicacións fundamentais
Dende o sindicato nacionalista lembran algunhas das reivindicacións básicas e fundamentais para garantir una asistencia sanitaria de calidade.
Atención Primaria
Creación de prazas de persoal de todas as categorías profesionais en xornada ordinaria e redución de cupos.
Estabelecer o cupo base de persoal médico e enfermería nun máximo de 1.250 tarxetas sanitarias(TSI), e 800 en pediatría.
Dotar de pediatras a todos os centros de saúde da Mariña; incrementar os/as profesionais de apoio coa incorporación de matronas, traballadoras/es sociais, odontólogas/os e hixienistas dentais, fisioterapeutas, logopedas, terapeuta ocupacional, PSX…
De igual xeito, demandan a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías; dúas equipas completas enfermaría-médica en todos os PAC e dotalos de material.
Atención hospitalaria
Neste punto reclaman a recuperación da “área sanitaria roubada”; a dotación de electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular, e recuperar a implantación de marcapasos,…
Dotar tamén do persoal necesario en todas as categorías existentes, e crear prazas públicas de fisioterapeutas, logopedas, terapeutas ocupacionais…
Rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as longas listas de agarda que non permiten garantir unha sanidade de calidade e de proximidade.
“Sairemos unha e mil veces á rúa para que o Partido Popular teña moi claro que non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos nosos servizos públicos como é a sanidade de todas e todos”, e por todo o anterior “facemos un chamamento a participar concentración do xoves 12 de xuño convocada por Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña”, conclúen.