“Esiximos que as axudas abrangan a tódalas produtoras e produtores afectados, a fin de non destruír tecido produtivo”
“Pese ás reiteradas demandas do sector produtor, e mesmo de corporacións locais do territorio, a Consellería do Medio Rural teima no seu propósito de limitar as axudas ás explotacións que están inscritas no Consello regulador da IXP Faba de Lourenzá”, indican desde o SLG.
Como ten posto de manifesto o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a maior parte da produción non está amparada pola IXP, xa que, a día de hoxe, unicamente 19 explotacións están inscritas.
Como resulta evidente, as condicións climáticas adversas que sufriron as produtoras de faba no ano 2024 non fixeron distingos entre as granxas inscritas e non inscritas, senón que minguaron a produción na totalidade das mesmas, “polo que non é de recibo, nen xusto por claramente discriminatorio, que as axudas directas se dirixan exclusivamente ás 19 explotacións inscritas na IXP: o problema sufrírono todas as produtoras e produtores”.
Desde o SLG “imos analizar a resolución desde o punto de vista legal, porque entendemos que a inscrición na IXP non é requisito legal para as produtoras e polo tanto non debera ser criterio de exclusión de axudas públicas”.
“Contrariamente ao que se di na resolución, o que está en risco non é só a viabilidade da IXP Faba de Lourenzá, senón mesmo a viabilidade económica das familias que se adican a esta produción, e este debera ser o obxectivo destas axudas”.
Desde o SLG “reiteramos a nosas demandas de apoio ao conxunto do sector, porque entendemos que é necesario consolidar a produción actual, e sería un fracaso de difícil reparación que sigamos perdendo explotacións labregas produtoras de faba”.
“Entendemos tamén que é necesario afrontar traballos de investigación sobre os efectos das mudanzas climáticas no cultivo, con interlocución co persoal de sanidade vexetal”.