O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recordou que a institución provincial aprobou adherirse a este rede no Pleno do mes de abril co obxectivo de reforzar a colaboración con outras entidades e impulsar iniciativas conxuntas co obxectivo de fortalecer o sector primario
Rivera Capón recordou que a Deputación de Lugo aprobou adherirse a esta Rede na sesión plenaria do pasado mes de abril “o que nos permitirá, desde a institución provincial, reforzar a colaboración con outras entidades para impulsar iniciativas conxuntas coa finalidade de fortalecer o sector”. Nesta liña, o Deputado destacou que “a actividade gandeira e cárnica xoga un papel fundamental no desenvolvemento económico, social e ambiental na provincia de Lugo”.
Neste primeiro encontro aprobáronse as normas de funcionamento, así como a folla de ruta a seguir ata o 2027. Este plan de traballo recolle os principais eixos nos que actuará esta Rede:
Relevo xeracional e emprendemento rural: coa que se pretende incorporar as novas xeracións ao sector gandeiro. A Rede actuará como impulsora de iniciativas de visibilización, atracción do talento mozo e fortalecerá os ecosistemas locais para situar a gandería como unha opción de futuro.
Acceso a financiación e simplificación de axudas: o acceso a subvencións é un dos principais retos das explotacións gandeiras. Este punto pretende avanzar cara unha maior capacidade local de intermediación financeira e unha redución das barreiras administrativas.
Sostenibilidade territorial e valor social da gandería: este punto propón reforzar o vínculo entre a gandería e o territorio, promovendo unha visión máis integradora e responsable.
Representación institucional e posicionamento da Rede: coa que se desenvolverán accións orientadas a reforzar a presencia pública desta Rede e ampliar as alianzas institucionais coas administracións e os diferentes actores do sector.
Esta rede aglutina a 4 deputacións e máis de 60 municipios, e conta co apoio das interprofesionais do Foro Ganadero-Cárnico.