Hugo García, o responsable da EMMeD, subliñou que “será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…”.
A concelleira de Educación, Begoña Sanjurjo, manifestou que “o fin de curso é sempre unha festa importante e este ano máis. O alumnado amosa ás familias e ao público en xeral os avances nas distintas disciplinas e fainos partícipes da vida da escola. Vémonos no auditorio aplaudindo aos nosos artistas”.
O responsable do centro valora de maneira moi positiva o curso 2024-2025 e considera que “é preciso seguir traballando tal e como o vimos facendo ata o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos”. O centro mantén o número de matrículas, con preto de 370 persoas inscritas, e o número de docentes, trece.
Antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo aínda realizará diversas actividades, como pode ser o programa Musiqueando polas parroquias ou a Xornada de portas abertas, das que se dará cumprida información en datas próximas.