O martes 24 de xuño terá lugar un Encontro Orquestral en Xove no que participarán as Escolas de Música de Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Xove e Forte Glissando, de Lugo. O responsable da EMMeD, Hugo García, explicou que “o alumnado participante desfrutará dunha xornada de convivencia, na que ademais dos ensaios e concerto xa programados, realizarán unha visita por Xove entre outras actividades. O que se busca con estas accións é fomentar as relacións entre os centros educativos e enriquecer a formación do alumnado”. Como peche desta xornada, a agrupación que se forme dará un concerto ás 19:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove, onde ofrecerán un variado repertorio de obras clásicas de diferentes épocas.
O mércores 25 de xuño, a EMMeD organiza unha xornada de portas abertas. Será en horario de 16:00 a 18:00 horas cando o profesorado do centro explicará as distintas disciplinas que se imparten na EMMeD, incluíndo unha pequena clase práctica, previa inscrición.
Segundo as materias, esta actividade estará dividida por idades:
-Música e movemento: nenas e nenos nados entre os anos 2021 e 2018.
-Práctica instrumental: nenos e nenas nadas a partires do 2017; adultos inclusive.
-Pre-Danza: nenas e nenos nados entre os anos 2021 e 2018.
-Danza clásica ou contemporánea: nenos e nenas nadas a partires do 2017.
As persoas asistentes poderán aproveitar esta oportunidade para probar e facelo de balde durante esa xornada, así como coñecer as instalacións e obter a información necesaria sobre o centro.
As inscricións para asistir a esta cita poden realizarse no enderezo electrónico esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.gal, ata o 23 de xuño, indicando nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e especialidades que quere coñecer.
O xoves 26 de xuño ás 19:00 horas terá lugar a actuación do alumnado de danza clásica da EMMeD que realizará unha pequena actuación no Quiosco, situado no Parque de San Francisco, que xa está consolidada dentro da programación estable do centro.
Musiqueando polas parroquias chegará a Cedofeita. Segundo indicou o responsable da EMMeD, Hugo García, “continuando cun dos principais obxectivos do centro, que é ser motor socio-cultural do concello, a escola vén de programar esta pequena actuación en Cedofeita o venres 27 de xuño ás 19:30 horas na Escola, para que as persoas que non residen no casco ribadense, e lles poida resultar máis complicado asistir ás actividades que a EMMeD habitualmente programa, as poidan coñecer máis de cerca. Farase unha mostra do traballo que leva feito unha parte do alumnado do centro ao longo do curso”.
A concelleira de Educación, Begoña Sanjurjo, anima a asistir “a esta ampla programación da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño co obxectivo de achegar á veciñanza o traballo desenvolvido polo alumnado do centro”.