Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fundación Galiza Sempre presenta este mércores en Viveiro o caderno ‘Política enerxética. Unha visión galega’

O caderno Política enerxética. Unha visión galega editado pola fundación do BNG, preséntase este mércores 18 ás 19:30 na Sala de Usos Múltiples de Viveiro.

A Mariña, 17 de xuño, 2025. A FGS vén de editar o último caderno da súa colección Ideas Impresas. Trátase dunha colección de cadernos monográficos analíticos de diversas temáticas de actualidade. Desta volta, o último número está dedicado ao estudo da política enerxética en Galiza e no Estado español. O informe está elaborado polo Colectivo Bidán, grupo de estudo formado por Francisco da Silva, Fernando Branco e o recentemente finado, Manuel Cabarcos. Na presentación, alén de Da Silva e Branco, estará o autor do limiar, o enxeñeiro e profesor solar fotovoltaico, Eduardo Lorenzo.

Os autores recollen nesta obra 50 artigos que nos últimos 5 anos publicaron en distintas revistas e xornais de Galiza. Este compendio de artigos está baseado en razoamentos e análises rigorosas, con contrastes legais e datos verídicos fóra e dentro de Galiza para facer unha radiografía do sistema eléctrico desde unha perspectiva en chave galega. O caderno será entragado de balde ás persoas que asistan á presentación.

Con este, xa son 10 os números que a FGS ten publicados dentro desta colección, sumándose así a outros títulos como Galiza coa chave dos seus cartos, arredor do modelo de financimento galego ou o Ferrocarril en Galiza, un estudo de análise sobre a situación actual do sistema ferroviario galego e as perspectivas de futuro. Con estas publicacións, a entidade pretende achegar análises e estudos fundamentais para argumentar propostas serias sobre cuestións a debate.

Exit mobile version