As políticas pesqueiras do Estado, a U.E. e a Xunta golpean ao sector
A recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que rexeitou a demanda do Estado español contra as restricións pesqueiras comunitarias, supón un novo golpe para o sector, e constata a inxustiza e a ineficacia da política pesqueira que se está a aplicar. Fronte a isto, a visita da Casa Real ao porto de Burela, non achega nin solucións nin recursos, senón unha operación mediática de lavado de imaxe da Coroa Española despois dos escándalos de corrupción que salpican á institución.
A monarquia non trae investimentos nin solucións
“Non imos participar nun acto que pretende disfrazar cunha foto a absoluta falta de políticas útiles para a nosa pesca. A monarquía non representa os intereses da xente do mar, nin trae investimentos, nin solucións”, afirmou Mario Pillado, voceiro do BNG de Burela e tenente de alcaldesa do Concello, “o único que pretende esta institución é impoñer a súa presenza sen consulta previa, obrigando ao Concello a destinar recursos e persoal para unha visita que non vai deixar beneficio algún na localidade. Unha mostra máis do funcionamento antidemocrático da monarquía”. Nos mesmos términos pronunciouse Sandra Fernández, referíndose aos esforzos e recursos dedicados estes días á visitar real, en detrimento doutros servizos e recordou tamén a situación que en Burela e na comarca se está a vivir no referente aos servizos públicos “fronte á crítica situación en servizos esenciais como a sanidade, a atención á dependencia ou o apoia ás familias, impónsenos unha visita real que só serve de propaganda sen achegar ningunha solución”, concluíu.
Precisamos medidas urxentes e compromisos reais, non propaganda Real
Pola súa banda, Antonio Veiga, responsable comarcal do BNG na Mariña, advertiu que “temos unha comarca castigada pola perda de servizos, especialmente os sanitarios, o desmantelamento industrial, sen autovías, co abandono do ferrocarril e un sector pesqueiro golpeado pola inacción dos gobernos. O que precisamos son medidas urxentes e compromisos reais, non actos propagandísticos Reais”.
Por todo isto, desde o BNG afirman que non será cómplices dunha visita que pretende maquillar o baleiro das políticas estatais e desviar a atención das verdadeiras prioridades do concello de Burela e da comarca da Mariña.