Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria alerta da denuncia no atraso nunha biopsia que impidiu un tratamento vital

A Mariña 7 de xuño de 2025.Unha muller denuncia que seu pai levaba agardando un mes polo resultado dunha biopsia preferente que permitiría iniciar unha ou outra modalidade de tratamento para un cancro avanzado.

O paciente padece unha enfermidade neurolóxica progresiva que debe revisarse periódicamente; na resonancia de control que realizou hai ano e medio atoparon unhas lesións no cerebro que asumiron como propias do seu padecemento. Mais a finais de abril ten que acudir a urxencias cunha crise severa, con perda da fala, desorientación e imposibilidade para camiñar. Unha vez en ingresado en planta a crise volve repetirlle polo que se lle realizan diversas probas diagnosticándolle un cancro pulmonar de grado 4 con metástases cerebrais. Tralo diagnóstico é dado de alta cunha cita cita aos dous días para a realización dunha broncoscopia que permita biopsiar o pulmón. Dita proba é fallida, polo que debe repetirse no HULA.

Máis dun mes da biopsia preferente e aínda non comezou o seu tratamento

A segunda biopsia é extraída o día 5 de maio e tramitada con carácter preferente, polo que en cinco días deben estar os resultados que permitan diagnosticar que tipo de tumor é e que opcións de tratamento hai.

A día de hoxe, máis dun mes despois da realización da biopsia aínda non puido comezar o tratamento. O comité de tumores ,que debe decidir o tratamento, reunido xa dúas veces, tivo que suspender a reunión pola falta de resultados. Cada día que pasa sen saber as características do cancro é tempo que corre na contra da persoa enferma, impedíndolle a instauración dun tratamento rápidamente e restándolle oportunidades.Hai dous días, na última consulta á que acudiu en Lugo explicáronlle que un mes despois da súa realización chegaron os resultados, mais primeiro hai que tratar con radioterapia as metástases cerebrais para despois xa abordar con quimio ou inmunoterapia o tumor pulmonar primario, polo que todo ese tempo de atraso nos resultados é tempo que se perdeu sen comezar un tratamento; ese tempo gañouno o avance do tumor. Segundo explica a súa filla, “queremos que teña todas as opcións posibles e de xeito inmediato pero estamos desesperados porque parece que o están deixando morrer”.

Contactan coa Plataforma Sanitaria para que poña voz a esta grave situación

A desesperación e a angustia polo excesivo retraso e as súas fatales consecuencias levan a esta muller a contactar coa plataforma, para que se denuncie públicamente o que está a acontecer coas biopsias das e dos pacientes da Mariña, que aínda sendo preferentes estanse derivando a Lugo, sobrecargando os servizos da capital e atrasando os resultados.

Esto supón que moitas veces cando están os resultados, despois dun tempo moi superior ao debido, sexa demasiado tarde. Desde este colectivo esiximos que se actúe inmediatamente e se cumplan estritamente as prioridades; demandamos tamén axilidade para que a todas as persoas se lles de a oportunidade dun tratamento o máis inmediato posible co fin de frenar o avance destas enfermidades. “Non é a primeira nin a segunda vez que se chega tarde ao diagnóstico e ao tratamento polos atrasos tan vergonzosos que se están a producir, e sabemos tamén que nalgún caso o paciente perdeu a vida sen ter a opción de intentar algún tratamento”, conclúen.

Exit mobile version