Site icon Crónica3.com A Mariña

A Porta de Carlos V iluminarase de cor verde este sábado polo Día Mundial da ELA

A Esclerose Lateral Amiotrófica afecta a 4.000 persoas en España

Viveiro, 18 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro iluminará de cor verde a Porta de Carlos V o sábado 21 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

A iniciativa forma parte da campaña #LuzporlaELA, promovida pola Confederación Nacional de Entidades de ELA (ConELA) e a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA), coa finalidade de dar visibilidade a esta enfermidade neurodexenerativa que afecta a arredor de 4.000 persoas en España.

A ELA provoca a perda progresiva das capacidades motoras, da fala e, finalmente, da capacidade de respirar, mantendo intactas as funcións cognitivas. A través da iluminación de monumentos e edificios emblemáticos en todo o país, a campaña busca lembrar que “A ELA existe” e promover unha maior concienciación social.

A Porta de Carlos V sumarase así aos máis de 300 espazos que en anos anteriores participaron nesta iniciativa de visibilidade e solidariedade coas persoas afectadas e as súas familias.

Exit mobile version