Site icon Crónica3.com A Mariña

A Romaxe Viquinga do Vicedo celebrarase na praia de San Román os días 25 e 26 de xullo

O Vicedo, 13 de xuño de 2025. Este mércores celebrouse na Casa da Cultura do Vicedo a presentación da 8ª edición da Romaxe Viquinga do Vicedo, que se celebrará o 25 e 26 de xullo de 2025. Á presentación asistiron o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, o deputado provincial, Francisco Cajoto, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, Enrique Domínguez, de Queiman e Pousa, responsables da parte artística nas últimas edicións e Cristian F. Caruncho, autor do deseño do cartel e camiseta oficial.

O alcalde do Vicedo quixo facer un agradecemento inicial a todos os voluntarios e traballadores que axudan a sacar adiante esta Romaxe que ocupa moitas horas de traballo para que todo saia ben. Como novidade informou que se vai presentar a Romaxe en Ponferrada, aproveitando que unha das asociacións recreacionistas que participa na Romaxe Viquinga é de Ponferrada (Caballeros Bergidum Templi). Tamén informou que o pregoeiro será este ano Suso Martínez, conocido guía de orixe viveirense e que xa é coñecido por outros pregóns moi exitosos na zona. Por último, resaltou que en Vigo ven de abrirse unha exposición no Museo do Mar, con temática viquinga, e onde está exposta tamén unha áncora atopada na praia de San Román.

Enrique Dominguez destacou a expansión da Romaxe co paso dos anos e que nesta edición está prevista a presencia de excursións de Asturias e outras zonas do norte de España.

O deputado provincial, alcalde tamén de Foz, animou á organización a seguir nesa liña, consciente do traballo inxente que hai detrás, da mesma maneira que lles sucede a eles na súa Festa Normanda de Foz. Felicitou a todas as institucións pola colaboración necesaria para un evento así.

O delegado territorial tamén felicitou á organización por sacar adiante a Romaxe Viquinga ano tras ano e convertila nun evento non só importante a nivel local e comarcal senón tamén provincial.

Por último, Cristian F. Caruncho falou de que era xa a 4ª edición na que participa deseñando o cartel oficial e as camisetas e que este ano pensou en reflectir un solpor na praia de San Román, coa Illa Coelleira ó fondo nunha actitude menos guerreira e máis pensativa do protagonista.

Anteriormente celebrouse un acto cos nenos e nenas do CEIP do Vicedo, que recibiron os agasallos e premios do concurso de debuxo infantil Romaxe Viquinga. Houbo 2 categorías: de 1º a 3º e de 4º a 6º e entregáronse premios aos 3 primeiros clasificados de cada categoría e, ademais, agasallos a todos os nenos por participar e esforzarse en presentar un traballo para dito concurso. Tamén Cristian F. Caruncho explicoulles como foi o proceso de creación do seu propio debuxo para o cartel e mesmo fixo un par de debuxos en directo para deleite de todos os nenos e nenas que quedaron abraiados pola rapidez e beleza do debuxo.

Exit mobile version