Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación lanza a primeira Semana do Patrimonio Invisible para abrir as portas de tesouros ocultos da provincia

Mañá xoves abre o prazo para reservar prazas nas visitas que se desenvoleranse os días 7, 8, 14 e 15 de xuño

Lugo, 4 de xuño de 2025. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha a I Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo, unha iniciativa que abre as portas de espazos históricos e culturais habitualmente inaccesibles ou pouco coñecidos.

A deputada de Cultura Iria Castro, acompañada pola xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro e o responsable da coordinación das actividades César Abella, presentou esta mañá a iniciativa que ofrece á cidadanía unha oportunidade única de descubrimento de lugares fóra dos circuítos turísticos convencionais, a través de visitas guiadas engrupos reducidos.

Iria Castro explicou que “con este ciclo de visitas visibilizamos diferentes espazos fomentando o coñecemento e a valorización da diversidade patrimonial da provincia e sensibilizando sobre a importancia da protección e conservación do patrimonio”.

Respecto do desenvolvemento do programa, a responsable provincial sinalou que “desde mañá xoves estará dispoñible o sistema de reserva en liña para participar nas visitas, que se desenvolverán en grupos reducidos para garantir unha interacción próxima e a protección dos bens culturais que visitamos”

Esta primeira edición da Semana do Patrimonio Invisible desenvolverase ao longo de catro días, en sábado e domingo: 7, 8, 14 e 15 de xuño. O programa inclúe nove espazos localizacións estratéxicas, que abranguen diversas tipoloxías de patrimonio (etnográfico, industrial, relixioso…) en distintos comarcas:

• Encoro de Belesar (Chantada). Por primeira vez, unha visita aberta á cidadanía, a público non especializado a unha das maiores centrais hidroeléctricas de Galicia.
• Ferrería de Penacova (Bóveda). Un dos poucos lugares onde aínda podemos ver mazos funcionado coa forza da auga, coas explicacións dun ferreiro de tradición familiar.
• Igrexa do Hospital (O Incio). A igrexa de mármore que fascina desde fóra e que garda tesouros artísticos no seu interior.
• Antigo mosteiro de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos). Unha visita que inclúe a igrexa e tamén ao Parador de turismo.
• Pazo de Ferreiroá (Pantón). Un pazo particular que traslada aos visitantes aos tempos de esplendor da fidalguía galega cos seus espazos e obxectos con séculos de historia.
• Seminario Conciliar de Santa Catalina (Mondoñedo). O maior edificio de Mondoñedo abre as portas para coñecer a súa historia e descubrir a súa sorprendente biblioteca.
• Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (Lourenzá). Combinaremos a visita á igrexa con outros lugares menos coñecidos como o claustro ou a cociña do vello mosteiro.
• Mananciais de Mondoñedo. Unha oportunidade única para entrar en galerías subterráneas e acueductos que conducen a auga ao centro histórico da vila.
• Cova grande de Santalla de Lóuzara (Samos). Unha fermosa cova natural con formacións cársticas moi descoñecida para o público xeral.

Reserva desde mañá

As visitas, gratuítas e deseñadas para grupos reducidos dun máximo de 15 persoas, garanten un tratamento próximo e de calidade e unha inmersión profunda en cada localización.

A participación será a través de reserva online na plataforma da web patrimonioinvisible.gal, seguindo unha rigorosa orde de inscrición, para as máis de 400 prazas dispoñibles. O prazo para inscribirse abrirase o xoves 5 de xuño ás 12h.

En liña co programa Soterradas

A I Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo desenvolvese no marco do programa SoTERRADAS da Rede Museística Provincial de Lugo, enfocado no rescate e naa valorización de patrimonios invisibilizados, promovendo unha nova narrativa e metodoloxía na difusión do legado cultural da provincia.

Exit mobile version