O delegado territorial, Javier Arias, explica que nas primeiras 24 horas desta sétima edición mobilizáronse na provincia vendas por valor de 749.000 euros
O número de establecementos adheridos rolda os 900, dos que 271 están na capital. Arias visitou esta mañá Confecciones García, Mr. B, Perspectiva Shop e Bico de Grao, catro dos negocios da cidade adscritos ao programa.
Lembrou que poden sumarse máis comercios ata o 15 de decembro e, como novidade, os que o fagan quedarán inscritos para todas as edicións do ano. Esta primeira convocatoria está dotada con 2,5 millóns de euros e, durante todo o exercicio, a Xunta prevé destinar 5 millóns de euros aos Bonos.
Arias destacou que a medida enmárcase dentro das políticas da Xunta para dinamizar o comercio local e atraer nova clientela aos pequenos establecementos. Remarcou que se suma ás máis de 70 actuacións a prol deste sector recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros.
Funcionamento dos Bonos
Os bonos desconto de 30 euros poden empregarse directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos ata o esgotamento do crédito da campaña. Teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra.
En canto á contía da rebaixa, será de 5 euros para as compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30; 10 euros para as adquisicións iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros; e a partir desa cifra descontarase 15 euros. Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono sen que haxa límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, aínda que non se teñan consumidos na súa totalidade.