Arias destacou que “unha das nosas prioridades é facilitar o acceso a un fogar ás persoas que o demandan e o necesitan, tamén no rural” e, nese senso, lembrou que o Goberno galego está a impulsar a rehabilitación ou construción de inmobles para promocións públicas, ademais de distintas liñas de axudas para a compra ou o arrendamento.
Explicou ademais que para optar ás vivendas de promoción pública autonómica é necesario inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. As solicitudes poden efectuarse a través da sede electrónica da Xunta ou de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.