Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta participa nun simulacro de incendio de nivel 2 orixinado no Concello de Riotorto

O delegado territorial, Javier Arias, explica que estas actuacións realízanse periodicamente para comprobar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos de seguridade e emerxencias 

Meira, 4 de xuño de 2025. A Xunta participou hoxe nun simulacro de incendio forestal orixinado por un accidente de circulación en Riotorto, co obxectivo de avaliar a resposta dos servizos de emerxencias ante esta situación.

Durante o operativo ensaiouse a activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) en situación 2, por posible afección a núcleos de Riotorto – A Ribadiña, na parroquia de Ferreiravella – e A Pontenova – Lamarcide e Cabana, nas parroquias de Xudán e Rececende, respectivamente -.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que este tipo de actuacións realízanse periodicamente para probar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Ademais de comprobar a operatividade do Peifoga, tamén se verifica a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

O simulacro permite tamén adestrar os sistemas de comunicación; ensaiar como se informa á poboación sobre as medidas de autoprotección; coñecer o funcionamento dos plans de actuación municipal e testar as tarefas asignadas ao persoal dos diferentes grupos operativos e os centros de coordinación.

Centros de coordinación e grupos operativos

Na actividade de hoxe constituíronse varios centros de mando e control: Posto de Mando Avanzado (PMA) na Campa do Plantío de Meira; Centro de Coordinación Operativa (Cecop); e Centros de Recepción de Medios (CMR) en Meira e As Rodrigas (Riotorto), estes últimos coordinados por persoal da Consellería do Medio Rural.

En canto aos grupos operativos mobilizados, requiriuse a intervención de catro técnicos; seis axentes ambientais, catro brigadas, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), a Unidade de Directores de Extinción da Xunta (UDEX), a Unidade Técnica de Apoio (UTA), o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Barreiros e o GES da Pontenova.

No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade, coordinado polo Servizo de Emerxencias, colaboraron efectivos da Garda Civil, a Unidade de Policía Nacional Adscrita (UPA), a Subdelegación do Goberno, Cruz Vermella, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega); así como os concellos, as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Riotorto, Meira e A Pontenova. Tamén se requiriu persoal sanitario do 061.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou ás 10.15 horas co aviso por parte do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta dun incendio forestal á altura do punto quilométrico 8,500 da estrada LU-P-5501 en Riotorto, ocasionado por un accidente de circulación.

Tras esa alerta mobilizáronse os medios sanitarios, de seguridade e de emerxencias correspondentes. Ademais de probar a activación do Peifoga en situación 2, o operativo permitiu ensaiar outras medidas de protección da poboación, como a realización de cortes de tráfico e controis de acceso; os avisos de confinamento de núcleos de poboación ou a solicitude de corte dunha liña eléctrica de evacuación dun parque eólico por posible afección do incendio nesa zona.

Exit mobile version