O documento dá continuidade á tramitación iniciada ao inicio deste ano coa modificación da Lei de Confrarías de Pescadores de Galicia para permitir que as confrarías poidan comercializar en primeira venda os excedentes de marisco
Marta Villaverde sinalou que este documento da continuidade á tramitación iniciada a comezos de ano coa modificación da Lei de Confrarías de Pescadores de Galicia para permitir que os pósitos poidan comercializar ditos excedentes, coñecidos como demasías, en primeira venda. Deste xeito, e no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade, dáse resposta unha demanda do sector co obxectivo de que estes ingresos repercutan directamente nos profesionais e no reforzo da actividade extractiva. No marco desta nova normativa serán as entidades as que deberán, posteriormente, incluír a comercialización e xestión do ingresos derivados nos seus propios plans de xestión.
O documento presentado recolle aspectos que abarcan, desde a definición destes excedentes, o destino que poden ter, os requisitos para a súa comercialización, os principios que deben presidir a xestión destes recursos ou a titularidade da facturación, entre outros. Segundo este borrador, os ingresos deben repercutir directamente na mellora do sector marisqueiro, polo que a proposta da administración galega é que sexan destinados a facer fronte ás obrigas do correspondente plan de xestión como poder ser os derivados da vixilancia dos bancos marisqueiros, a compra de semente, as actividades de supervisión ou o acondicionamento do marisco para a súa comercialización.
Outros asuntos
Na xuntanza tamén foron abordados outros asuntos como a proposta de modificación do artigo 147 do Decreto de artes co obxectivo de modificar o horario da actividade marisqueira, mantendo as 5 horas diarias de traballo, pero deixando de estar vinculadas ao momento de baixamar ou á saída do sol. Tamén abordouse a posibilidade de realizar modificacións no baremos de selección das prazas para marisqueo a pé, quedando pendente da presentación por parte das federacións dunha proposta inicial ao respecto.