Site icon Crónica3.com A Mariña

Abertas as inscricións nas actividades de verán dos museos provinciais, con propostas para divulgar o patrimonio e animar á creación artística

Lugo, 22 de xuño de 2025. A Rede Museística Provincial de Lugo desenvolverá durante os meses de xullo e agosto unha variada axenda de obradoiros creativos e propostas didácticas.

Baixo o epígrafe “Cousas nosas”, os catro museos da rede – Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, San Paio de Narla e o Pazo de Tor- acollerán estas actividades orientadas a propiciar a creación e a convivencia e a divulgar e transmitir a cultura e a historia do país a través das coleccións e fondos dos museos

Campamentos, obradoiros creativos, contacontos, ioga, cinema inmersivo ou xadrez son algunhas das propostas destacadas desta axenda pensada para nenas e nenos, rapaces e rapazas de diferentes idades pero tamén con opcións para a participación interxeneracional.

Na presentación das actividades, acompañada pola xerente da Rede Museística e persoal dos museos, a deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “esta programación reforza o coñecemento e a vinculación da cidadanía cos museos, desde as primeiras idades, espertando o interese polo patrimonio e pola creación artística”. Tamén sinalou que “contribúen a ampliar a oferta cultural e lúdica, especialmente para as primeiras idades nos concellos nos que se ubican os distintos museos durante os meses de verán.

Inscricións

A axenda de actividades pode consultarse na web comunidadermpl.com e nas redes sociais da propia Rede e dos catro museos. A maioría das actividades son con prazas limitadas polo que se require inscrición previa.

Exit mobile version