A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “desde Acisa queremos seguir ofrecendo servizos aos nosos establecementos asociados. De aí que veñamos de editar un novo plano comercial e turístico para que os hoteis poidan facer uso del xa durante o inicio do verán e entregalo aos seus clientes. Inclúe un mapa de Ribadeo cos lugares de interese, así como de Rinlo, teléfonos como os da oficina de turismo, da Policía Local, da Garda Civil, dos taxis ou do centro de saúde. Tamén leva o código QR no que poden atopar toda a información dos asociados e asociadas a Acisa Ribadeo e unhas cantas propostas de visitas a realizar tanto pola vila como pola súa contorna”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Jesús Pérez, subliñou: “agardamos que lles sexa de utilidade aos hoteis asociados. Sabemos que é unha ferramenta de traballo moi demandada, porque os traballadores destes establecementos acaban converténdose en guías turísticos e comerciais de Ribadeo. Editamos 5.000 exemplares para todo este ano 2025. Os socios que queiran contar con estes planos comerciais e turísticos deben pasar a recollelos pola oficina de Acisa de luns a venres de 09:00 a 14:30 horas. Si algún outro establecemento como restaurantes ou bares precisan exemplares poden tamén dirixirse a nós e farémoslles entrega dalgúns exemplares”.
Pérez Prada engadiu: “esta é a primeira acción das actividades enmarcadas no proxecto excepcional de Acisa Ribadeo, co financiamento da Dirección Xeral de Comercio, que se desenrolarán o longo do verán”.
Cruzado Iglesias indicou que “este vai ser un verán diferente en Ribadeo con moitas propostas que daremos a coñecer ao longo das vindeiras semanas. Aproveitamos para desexarlles ás nosas socias e socios un bo verán. Agardamos que sexa moi positivo para todo o tecido empresarial: comercio, hoteis, restaurantes, servizos… porque iso redundará no ben de Ribadeo”.