A presidenta da asociación, Carmen Cruzado, contou que “polo que puidemos ver polos locais e polo que nos contan os propios hostaleiros as xornadas da ameixa funcionaron moi ben. Houbo negocios que esgotaron o produto entregado de xeito gratuíto xa o sábado pola noite. En liñas xerais o sector está contento do funcionamento desta cita coa que o que fixemos foi dinamizar Ribadeo esta fin de semana, na que despedimos a primavera e lle demos a benvida ao verán”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembrou que “entregamos 252 quilos de ameixa xapónica gorda, a razón de 12 quilos por cada un dos 21 locais participantes. O produto, servido por un provedor de Ribadeo asociado de Acisa, foi dunha calidade excelente. E polo que puidemos palpar a xente botouse á rúa a probar as ameixas en empanada, en tostas, con fabas, con polbo, en arroz, en fideuá, á sidra… foron moitas e moi boas as preparacións ofrecidas pola hostalería local de Ribadeo”.
Cruzado Iglesias agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo: “queremos darlle as grazas á Área de Mar pola súa achega de 8.000 euros para poder organizar esta importante cita gastronómica, que implicou tamén a súa promoción e a edición e o reparto de 5.000 manteis entre a hostalería asociada. Foi a segunda vez na que contamos coa axuda da Vicepresidencia da Deputación para poder levar adiante unha actividade deste tipo e repetiremos en vindeiras ocasións. E grazas tamén aos 21 locais participantes pola súa implicación”.