Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA denuncia que a nova planta de ENCE, nas Pontes, eleva a presión sobre as Fragas do Eume

ADEGA alerta de que este proxecto non se axusta ao principio de economía circular e está pragado de incertezas e omisións.

Santiago de Compostela, venres 13 de xuño de 2025. A Xunta vén de conceder unha DIA favorábel a unha fábrica de fibras de ENCE na balsa das Pontes, que de circular ten ben pouco. O obxectivo desta fábrica é a obtención de fibras de celulosa branqueadas (unhas 100.000 t/ano) a partir de cartón reciclado, con destino á fabricación de papel tisú. Este produto sería fabricado nesa faCtoría nunha segunda fase (aínda non avaliada nin concretada) ou noutras instalacións de ENCE.

Un proxecto “medio circular” pragado de incertezas e omisións

Na súa documentación, ENCE insiste en que o seu proxecto se axusta ao principio de economía circular ao usar cartón como materia prima, e xa que logo, “no se incrementará la demanda de madera de eucalipto en la región ni se promoverá el aumento de la superficie dedicada a su cultivo”. Resulta curioso que a propia Xunta asuma este postulado recollendo na DIA (p. 1) que “este proceso de fabricación de pasta de papel non require o consumo de biomasa arbórea, polo que se enmarca dentro dos principios de economía circular”.

Porén, para fabricación papel tisú, suposto obxectivo final do proxecto como recoñece a propia ENCE, adóitanse mesturar as fibras recicladas (FR) con fibra virxe (FV), nunha porcentaxe que abeira entre o 7% de FR (Sofidel) e o 29% de FR (Kimberly-Clark). Xa que logo, só unha parte da produción da futura fábrica das Pontes sería fibra reciclada, xa que para fabricar papel tisú se engadirá fibra virxe (entre un 93% e un 71% de FV) de eucalipto dos montes galegos elaborada por ENCE en Lourizán ou Navia. Cousas da economía “medio circular”.

Outro argumento que desmonta o argumento da circularidade invocado pola empresa é o feito de que “la energía que se utilizará en el proceso será de origen renovable, producida en la propia instalación gracias a una planta de cogeneración de calor y electricidad a partir de biomasa sostenible y de proximidad”, cunha potencia de 20 Mwt. Esa “biomasa sostenible de proximidad”, cifrada pola empresa en 60.000 t/ano, procederá das plantacións de eucalipto espalladas polas comarcas próximas, e a súa combustión (apoiada puntualmente con gas natural e gasoil) non é inocua: xerará gases de efecto invernadoiro, óxidos de nitróxeno, xofre e partículas, entre outras ducias de contaminantes dos que ENCE non informa.

Chuchar auga do “lago” das Pontes e vertela contaminada no Eume

O consumo de auga sempre é importante no caso das fábricas de pulpa de celulosa, mesmo que sexa reciclada. Neste caso, son 4.920 m3/día que a empresa prevé captar da balsa mineira que ocupa o antigo oco da mina de lignito, o mal chamado “lago” das Pontes.

Con todo, o principal problema desta instalación é a xestión das verteduras. Malia que no proceso de branquexo da fibra non se fai uso de compostos clorados, o proceso industrial produce 1,55 millóns de m3/ano de augas cunha alta carga orgánica (para 100.000 t de fibra). Estes efluentes serán deitados ao río Eume mediante un emisario duns 3 km, logo do seu procesado nunha planta de tratamento.

A carga contaminante dos efluentes logo do proceso de depuración, cando menos para pH, sólidos en suspensión, DBO5, temperatura, Ni disolto, Cu disolto e Zn disolto, incumpre os obxectivos de calidade establecidos no Plan Hidrolóxico de Galiza-Costa (ciclo 2021- 2027), Anexo IX, para a masa de auga Río Eume.

ENCE pretende acadar os valores sinalados como obxectivos ambientais para a antedita masa de auga mediante a dilución dos seus efluentes no río. Preténdese que sexa o Eume, un ben público, o que axude a acadar os limiares admisíbeis de contaminantes e non o tratamento ao que está obrigada a empresa.

ENCE gábase de que o consumo de auga da súa factoría non repercutirá no “lago”, polo enorme volume deste. Tendo en conta que a auga captada para o proceso debe ser previamente purificada, por que non verte os seus efluentes supostamente depurados na mesma balsa mineira, en troques de guindalos ao Eume?

Outro exemplo de transición ambientalmente inxusta

O feito de verter os efluentes do proceso produtivo ao río Eume en lugar de utilizar a propia balsa mineira como medio receptor, considerábelmente máis caudalosa e cunha hidroloxía máis estábel que o río, supón unha clara ameaza polos posíbeis impactos no Eume e na ZEC e parque Natural das Fragas do Eume, situado apenas 7 km augas abaixo. Tras décadas de vertidos e incumprimentos por parte de ENDESA no Eume, agora ENCE quere someter o río a unha nova presión.

Trátase dun proxecto que baixo a aparencia de circularidade, promoción da reciclaxe e sustentabilidade, agocha importantes eivas: non promove a economía circular, ao seguir sendo dependente da pulpa virxe -materia prima- para fabricar o produto final; provoca indirectamente máis eucaliptización; produce unha importante emisión de gases, partículas e substancias contaminantes e, sobre todo, usa o río Eume como medio receptor dos efluentes. Ambientalmente, isto está moi lonxe de ser unha “transición xusta”.

Exit mobile version