ADEGA esixe a investigación rigorosa das causas da vertedura e a aplicación de sancións con obriga de reparar os danos ambientais producidos
Desde ADEGA “queremos sinalar as responsabilidades da Consellería de Medio Ambiente nestes feitos, máis alá das individuais que caiba atribuírlle ao propietario da granxa, e que deberán depurarse mediante o correspondente procedemento de investigación”.
Por un lado, ao permitir que estas explotacións porcinas poidan tramitarse cunha simple declaración de incidencia ambiental (regulada nos artigos 34-36 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia). Esta declaración redúcese á presentación, por parte do titular, dunha memoria ambiental sen pouco máis contido que o de xustificar as dimensións da instalación e a capacidade da bolsa de xurros, sen sequera mención ningunha á posibilidade de que este tipo de accidentes se produzan e as súas consecuencias.
Polo outro lado, por resolver favorablemente estes procedementos de avaliación ambiental sen esixir que se estude e avalíe o risco destes accidentes, cando menos para decidir sobre a súa localización e sobre as medidas de protección que corresponda aplicar en tal caso.
Dende ADEGA “esiximos, pois, non só a investigación rigorosa das causas da vertedura e a aplicación de sancións con obriga de reparar os danos ambientais producidos, senón tamén unha maior rigorosidade na avaliación ambiental e na autorización destas explotacións porcinas, de maneira que se eviten este tipo de riscos para o medio natural ou para a saúde das persoas”.