Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicadas as obras da cafetería do Centro Social de San Cosme

O importe de adxudicación é de 53.569,10 euros, que inclúe a reforma exterior, interior e o equipamento

Barreiros, 09 de xuño de 2025. O Concello de Barreiros deu a aprobación da adxudicación das obras de reforma da cafetería do Centro Social de San Cosme, cuxa licitación se iniciou a finais do mes de abril, tras a redacción das memorias e proxectos de obra e instalacións.

As obras, que inclúen o exterior, interior e equipamento do local, saíron a licitación por un importe de 54.088,33 euros; foron adxudicadas á empresa Calicanto Obras y Proyectos, SL que presentou unha oferta de 53.569,10€.

A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que se trata dunha intervención xeral para a que se precisou elaboración de proxectos e memorias técnicas que garantan unha solución adecuada ás problemáticas detectadas. Deste xeito, continuou, “contarase cun local que reúna as condicións óptimas para a súa posterior explotación como cafetería, que dea servizo á veciñanza e contribúa a dinamizar a vida do pobo”.

Obras exteriores, interiores, instalacións e equipamento

As obras exteriores, destinadas fundamentalmente á eliminación das humidades existentes, inclúen entre outras cuestións a impermeabilización da fachada, así como a retirada da lousa que a recubre para substituíla por un novo material que mellore a eficiencia enerxética, a execución dunha nova cuberta con illamento térmico e o cambio das portas de acceso.

As obras interiores consistirán na adecuación das instalacións de fontanería e electricidade á normativa existente, substitución de luminarias e dotación de auga quente. Inclúese así mesmo, o pintado completo do local.

A maiores, e de cara a cumprir co fin previsto, dotarase ao local do mobiliario de cociña e electrodomésticos adecuados ao uso profesional do mesmo.

As obras teñen un prazo de execución máximo de 4 meses e, unha vez realizadas, poderá poñerse en marcha o procedemento para a explotación do local polas persoas interesadas; prevéndose a mesma para despois do verán.

Exit mobile version