Site icon Crónica3.com A Mariña

Amplíanse os horarios das visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo

A partir do día 1 de xuño e ata o 30 de setembro amplíase o horario para poder visitar a cova máis grande de Galicia

Mondoñedo, 2 de xuño, 2025. Despois dun gran comezo de campaña nas visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo, cun incremento de algo máis do 6%, entre os meses de marzo e maio, posto este dato en relación as mellores cifras rexistradas en anos previos, dende o Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía, quérese comunicar a ampliación da oferta de visitas á Cova do Rei Cintolo durante estes meses de verán.

Agora, a partir do día 1 de xuño e ata o 30 de setembro, a visita á Galería Central da Cova do Rei Cintolo poderase facer de luns a domingo, ambos incluídos, en tres horarios: 11h, 16h e 18:30h.

As visitas que se levan a cabo na Galería Central da cova, fanse sobre un percorrido de 300m, o que supón unha visita, dentro da cavidade, de 1h e 15minutos aproximadamente.

Pídese, para poder facer as mesmas, unha forma física normal, isto é, non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios. Tamén é preciso facer reserva previa na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es

É obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar, así como unha muda para despois da visita.

Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.

A idade mínima para entrar na cavidade é a partir dos 11 anos e o prezo da visita é de 20€/persoa.

Lembrar tamén que nestes meses, como non podía ser menos, continúa activa a segunda modalidade de visitas á Cova, a Visita á Zona do Río do interior da cavidade. Un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as visitas poderanse facer baixo demanda, calquera día da semana, previa reserva coa Oficina de turismo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es

A idade mínima para poder facer esta visita, de maior dificultade, é de 18 anos e o custo, para este percorrido espeleolóxico de maior duración e dificultade, é de 40€/persoa.
Concello e Federación queren convidar á cidadanía a que veña gozar da cova máis grande Galicia nestes vindeiros meses de lecer.

Exit mobile version