Site icon Crónica3.com A Mariña

Ángeles Vázquez e a alcaldesa de Cervo avalían vías de colaboración para mellorar o servizo de abastecemento de auga na contorna de Trasbar

Os técnicos de Augas de Galicia analizarán o proxecto presentado polo Concello de cara a valorar a súa viabilidade e as posibles fórmulas para acometer o seu financiamento

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Cervo, Dolores García, para avaliar a mellora do servizo de abastecemento de auga na localidade.

En concreto, analizaron o proxecto municipal para completar a rede de abastecemento de auga potable no lugar de Trasbar, na parroquia de San Xiao de Castelo, xa que na actualidade parte da veciñanza se abastece a través de pozos privados e fontes públicas.

Nese senso, a conselleira explicou á alcaldesa que os técnicos de Augas de Galicia analizarán o proxecto presentado polo Concello de cara a avaliar a súa viabilidade e as posibles fórmulas para acometer o seu financiamento.

De feito, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga de xeito máis eficiente para que poidan prestar servizos da máxima calidade á súa veciñanza.

Así, Augas de Galicia dispón este ano dun orzamento de 144 millóns de euros para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Exit mobile version