O Deputado de Promoción Económica e Social participou este mércores na apertura dunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios co apoio da institución provincial que aborda os riscos aos que se enfrontan no ámbito dixital
“As tecnoloxías da información cambiaron profundamente a forma en que xestionamos os nosos negocios, relacionámonos cos nosos clientes e colaboramos con outros profesionais. Esta evolución trouxo sen dúbida enormes vantaxes, pero tamén abriu a porta a novas ameazas e novos riscos. A ciberdelincuencia xa non é unha ameaza afastada: é un problema real, presente, e que afecta cada vez máis a pequenas e medianas empresas”, argumentou o Deputado, que enmarcou a colaboración da Deputación coa xornada no compromiso do Goberno provincial coa ciberseguridade.
Na apertura desta xornada participaron xunto ao Deputado o Secretario Xeral da CEL, Jaime López, e o Comisario Xefe da Comisaría provincial da Policía Nacional, Luís Miguel Romero. A cita conta con expertos na Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional; empresas especializadas en seguridade dixital e responsables de empresas punteiras en Lugo que analizarán como xestionan a ciberseguridade nas súas organizacións.