Executarase o cambio de luminarias e a revisión do cadro existente, así como a reforma da rotonda de entrada, a colocación de cartelas de benvida, o pintado viario e renovación da sinalización vertical
A alcaldesa, Ana Ermida, anunciou que se trata de “melloras moi demandadas polo tecido empresarial, co que nos reunimos ao comezo de ano para poñer en común diversas cuestións, entre as que se valoraron estes investimentos”.
A rexedora manifestou a “satisfacción por poder realizar estes investimentos que mellorarán notablemente a imaxe dun parque empresarial que ten unha importantísima actividade económica e no que non se realizaran investimentos desde a súa posta en marcha hai máis de 20 anos”.
Os proxectos presentados inclúen actuacións no alumeado público, renovando as actuais luminarias de vapor de sodio e revisando e adaptando o cadro eléctrico. En materia de infraestruturas, prevén a modificación da rotonda de entrada para facilitar as manobras dos vehículos que acceden ás instalacións, a renovación e mellora da sinalización viaria tanto horizontal coma vertical, a colocación de cartelas con letras identificativas de entrada e a limpeza de beirarrúas e actuación nas illas de colectores de lixo.
A mandataria municipal agradeceu a colaboración do empresariado á hora de definir actuacións e de colaborar para acadar melloras que redundan no beneficio do sector empresarial e tamén do conxunto do municipio.
O custo total dos investimentos contemplados nos proxectos ascende a 129.381,50 euros, dos que serán subvencionados 91.064,09 euros; asumindo a diferencia o Concello con fondos propios.