Site icon Crónica3.com A Mariña

BDS Galiza inicia as mobilizacións no Resurrection Fest “ante o silencio da promotora Bring the Noise”

Viveiro, 26 de xuño, 2025. Este mércores tivo lugar en Viveiro, diante do recinto do Resurrection Fest, unha rolda de prensa convocada por BDS Galiza para anunciar o inicio dunha campaña pública de denuncia e protesta ante a falta de resposta da promotora Bring the Noise ás demandas do movemento BDS, impulsado pola maior coalición da sociedade civil palestina.

Durante o acto, integrantes de BDS Galiza explicaron que, nas últimas semanas, enviaron varias comunicacións á promotora —propiedade de Superstruct e, en última instancia, do fondo KKR— solicitando unha reunión e propoñendo medidas concretas para garantir que os festivais galegos non sexan cómplices da ocupación e o apartheid israelís. A empresa non respondeu a ningunha destas comunicacións.

Diante deste silencio, e nun contexto internacional marcado polas advertencias do Tribunal Internacional de Xustiza sobre o risco de xenocidio en Gaza, o colectivo dá comezo a unha serie de concentracións pacíficas diarias ás 20:00 h durante os días do festival, na entrada do Resurrection Fest, para reclamar o cumprimento dos 4 mínimos éticos do movemento BDS.

BDS Galiza reafirmou a súa vontade de diálogo e reiterou que o obxectivo destas accións non é atacar ao festival ou ao seu público e que non se está a chamar ó boicote oficial do mesmo polo momento, senón que a intención é denunciar a implicación de KKR en empresas cómplices de crimes de guerra, e pedir que o Resurrection Fest se desmarque publicamente destes investimentos cumprindo os 4 mínimos éticos palestinos.

A campaña continuará nos próximos días con máis accións informativas, distribución de materiais e presenza nas rúas de Viveiro.

Exit mobile version