O Salón de Plenos do Concello acollerá a proxeccións e presentacións arredor da realidade e historia do colectivo
As actividades desenvolveranse entre o 25 de xuño e o 10 de xullo no Salón de Plenos do Concello, con entrada libre ata completar aforo.
A programación abrirase o mércores 25 de xuño ás 19:30 horas coa proxección do documental “Persoas S.A.”, seguida dun coloquio no que participarán a directora do filme, Carmen Granxeiro; a produtora e presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios; e unha das protagonistas, Sara Covas Palacios.
O ciclo continuará o mércores 2 de xullo á mesma hora coa proxección do documental “A noite irisada”, e pecharase o xoves 10 de xullo coa presentación do libro “Vidas e historias LGTB da Idade Media”, do escritor Carlos Callón.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, destaca que este tipo de iniciativas “son imprescindibles para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta, diversa e respectuosa”. Sinala tamén que “a cultura é unha ferramenta poderosa para poñer voz ás realidades LGTBI+ e para lembrar que a loita polos dereitos continúa”.
Fernández explica que o obxectivo do ciclo é “achegar á veciñanza testemuños, coñecementos e reflexións arredor das vivencias LGTBI+, tanto no presente como no pasado, e dende diferentes perspectivas”. E engade: “Queremos que Burela sexa un espazo onde todas as persoas se sintan libres e recoñecidas”.