Mario Pillado, tenente da alcaldesa, participou como poñente nun encontro centrado na mellora da gobernanza das políticas locais de infancia
Mario Pillado, tenente da alcaldesa e concelleiro de Xuventude, interviu como poñente na mesa redonda “Gobernanza en Galicia: estado actual, contribucións e experiencias”, onde explicou o proceso e a experiencia do Concello de Burela no marco da iniciativa Cidades Amigas da Infancia, promovida por UNICEF.
A xornada, organizada por UNICEF Comité Galicia xunto coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a FEGAMP, desenvolveuse entre as 9:00 e as 14:30 horas. O seu obxectivo foi proporcionar coñecementos e ferramentas prácticas para mellorar a gobernanza das políticas locais de infancia, promover a participación infantil e facilitar o intercambio de experiencias entre entidades locais.
“Foi unha ocasión para aprender doutras realidades municipais e tamén para fortalecer redes entre concellos que compartimos o mesmo obxectivo, construír espazos máis xustos, seguros e participativos para os nosos nenos e nenas”, explicou Pillado.
Burela participou como un dos concellos convidados a compartir boas prácticas, xunto cos municipios de Moaña e Ponteareas. As xornadas incluíron tamén relatorios técnicos, obradoiros prácticos e achegas de nenos, nenas e adolescentes participantes en consellos locais e autonómicos.