Site icon Crónica3.com A Mariña

Camila Gadeia despídese do Burela FS logo de sumar 18 títulos vestida de laranxa

A peche de São Paulo cerra sete tempadas no club mariñao, repartidas en dúas etapas

Burela, 12 de xuño, 2025. Os camiños do Burela FS e Cami separaranse este verán despois de sete tempadas xuntos en dúas etapas diferentes. A internacional brasileira foi unha das xogadoras máis destacadas do ciclo dourado da entidade burelesa, onde colaborou na conquista de 18 títulos. O club agradécelle a Cami todo o empeño, traballo e dedicación demostrado nestas dúas últimas tempadas, así como no seu anterior paso, e deséxalle sorte nos novos retos que afronte, tanto a nivel deportivo como persoal.

Camila Gadeia Silva (São Paulo, 1990) chegou ao Burela FS en xaneiro de 2018 desde o São José Futsal para reforzar un plantel cada vez máis competitivo e mantívose ata xuño do 2022 no seo da entidade mariñá. Durante a campaña 2022/2023 fixo unha pequena pausa dun só curso na súa relación co Burela FS e marchouse ao Castro Bloques Cando, co que logrou o ascenso a Primeira División. Un ano despois regresaba a terras mariñás para enrolarse de novo durante estas dúas últimas campañas nas filas laranxas.

A peche brasileira destra deixou ver moi rápido as súas grandes calidades a nivel defensivo, destacando pola súa intensidade, forza e anticipación, así como tamén pola súa capacidade de achegar en ataque, grazas á potente pegada que ten con ámbalas pernas, unha característica que aínda ensinou o pasado sábado na execución do tanto do 3-4 diante do Futsi Atlético Navalcarnero coa súa perna esquerda.

Vestida de laranxa, Cami colaborou na consecución de 3 ligas (19/20, 20/21 e 23/24), 5 copas da Raíña (2019, 2020, 2021, 2022 e 2025), 4 supercopas (2019, 2021, 2022 e 2024), 4 copas Galicia (2019, 2021, 2023 e 2025) e as oficiosas Recopa (2019) e Futsal Women’s European Champions (2021). Na presente tempada disputou 33 partidos entre liga regular e play offs e anotou 4 goles.

Na súa despedida, Cami tivo unhas palabras para a afección. “Mil grazas, Familia Laranxa. Foi unha honra formar parte deste club. Saín do meu país e aquí en Burela sentinme coma se estivese na miña casa. Moitísima grazas, de corazón. Vou co corazón cheo de orgullo e gratitude por todo o que vivín aquí. Un abrazo enorme”, afirmou a futbolista paulista.

Exit mobile version