O persoal vese obrigado a atender dous servizos ao mesmo tempo, o que provoca desatención ás mulleres ingresadas, expón a Federación de Sanidade do sindicato
«A dobre presenza de persoal nestes servizos é un claro exemplo de sobrecarga e risco psicosocial para os traballadores e as traballadoras», afirma CCOO. «Isto non só afecta á súa saúde e benestar, senón tamén á calidade da atención que se lles presta aos pacientes», incide.
Ante a inacción da Xerencia e a falta de respostas efectivas, Comisións Obreiras solicitou a intervención da Inspección de Traballo para que se tomen medidas urxentes que garantan a cobertura asistencial axeitada e eviten situacións de risco. «A saúde e a seguridade das traballadoras e das pacientes non poden seguir sendo ignoradas. É preciso actuar xa», reclama a organización sindical.
Desde a Federación de Sanidade de CCOO sublíñase que en ningún outro hospital público de Galicia se permite que o persoal abandone un servizo, deixándoo sen atención de enfermaría —sexan enfermeiras ou TCAE—, para ir cubrir outro. «Esta é unha mostra máis das graves deficiencias na xestión que sofre o Hospital da Mariña, motivo polo cal se están a convocar concentracións de protesta», salienta o sindicato.
Por todo isto, CCOO insta a Xerencia e ao Sergas a que doten de persoal suficiente os servizos afectados e adopten as medidas organizativas necesarias para garantir unha atención sanitaria segura e digna para as mulleres da comarca da Mariña.