Site icon Crónica3.com A Mariña

Celine Fernández, nova presidenta de Novas Xeracións do PP de Vilalba

A candidata foi apoiada polos afiliados no congreso local celebrado este venres coa participación de representantes da formación popular a nivel autonómico, provincial, comarcal e local

Vilalba, 28 de xuño de 2025. Celine Fernández foi proclamada presidenta de Novas Xeracións de Vilalba no congreso local da formación xuvenil do Partido Popular.

A nova presidenta, de 25 anos e graduada en bioquímica e máster en Formación do Profesorado e Bioloxía e Xenética, estivo acompañada por membros do Partido Popular de Vilalba e da comarca; ademais da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, e o presidente de Novas Xeracións da provincia, Miguel Gallego.

Celine Fernández subliñou que encabeza un proxecto “baseado na ilusión, o traballo en equipo e a defensa activa dos intereses da xuventude” e comprometeuse a “construír un proxecto aberto, participativo e útil para todos os mozos e mozas da vila”.

A nova presidenta de NNXX de Vilalba reivindicou “a necesidade de que a mocidade teña voz nos espazos de decisión”, ademais de asegurar que “temos talento, ideas e gañas. Só precisamos oportunidades. E iso é o que queremos construír con Novas Xeracións de Vilalba: unha ferramenta de cambio e de orgullo para o noso pobo”. Nese sentido, amouse convencida de que “Vilalba é máis que un punto no mapa: é historia, cultura e tradición, pero tamén pode e debe ser innovación, oportunidades e futuro”.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo en valor que cando se lle pregunta á mocidade galega nunhas eleccións, o Partido Popular sexa sempre a formación con máis apoio. “É o resultado da nosa aposta pola mocidade con feitos e non só con slogans, fronte a un socialismo que compra aos mozos con promesas pero non lles ofrece nada e fronte a un independentismo que non pode ofrecerlles máis futuro que unha utopía”.

Así mesmo, salientou o feito de que unha organización xuvenil como Novas Xeracións, cunha lucense como Nicole Grueira como líder, teña estrutura nun concello como Vilalba: “Demostra que a mocidade se implica tamén na política do rural e, sobre todo, en querer mudar o rumbo dos seus concellos”.

A presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, destacou “a proximidade e o compromiso” de Celine Fernández, que formou parte da candidatura ás últimas eleccións municipais; pero, sobre todo, “a súa positividade”. Así mesmo, agradeceu a todo o equipo “que dean un paso adiante” e que “sirvan como exemplo de compromiso e dedicación para a mocidade vilalbesa”.

Tamén interviu a presidenta de NNXX de Galicia, a lucense Nicole Grueira, que subliñou que “este congreso de Novas Xeracións é a mellor mostra de que a xuventude galega está máis activa, máis preparada e máis comprometida que nunca. Somos unha organización que medra, que se renova e que está presente en todo o territorio, pisando cada concello, cada comarca, e dando voz aos mozos e mozas”.

Así, engadiu que “cada vez somos máis os e as que nos incorporamos ao proxecto do presidente Alfonso Rueda. Porque confiamos no seu liderado, no seu proxecto para Galicia e na súa aposta decidida pola xuventude”.

E o presidente provincial de Novas Xeracións, Miguel Gallego, incidiu na “importancia de que os mozos e mozas nos impliquemos na toma de decisións e na construción dun futuro con máis oportunidades, dinamismo e progreso, tanto en Vilalba como no conxunto da provincia de Lugo”.

Así mesmo, explicou que “seguimos sumando afiliados” e avanzou que “despois deste congreso local en Vilalba, ao longo do verán, Novas Xeracións continuará desenvolvendo reunións, actividades e novos congresos por toda a provincia, consolidando así a súa implantación territorial”.

EXECUTIVA DE NOVAS XERACIÓNS DE VILALBA

A executiva de Novas Xeracións de Vilalba que encabeza Celine Fernández contará con outros nove mozos e mozas con idades comprendidas entre 21 e 29 anos e con formación e ocupacións polivalentes:

– Sandra de Bernardo, secretaria xeral
– Carlos López Lozano, coordinador
– Cristina Muñiz, responsable da área de redes sociais e comunicación
– Adriana López Eimil, responsable da área de Medio Rural
– José Manuel Noche, responsable da área de Deportes
– Eva Pardo, responsable da área de Políticas para a Xuventude
– María Vázquez, responsable da área de Empresa e Comercio
– Carlos Rivas, responsable da área de Tecido Asociativo
– Uxía López, responsable da área de Cultura

Exit mobile version