Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo será escenario este domingo da XVIII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer

A cita, que a día de hoxe conta xa con máis dunha trintena de exemplares inscritos, será o domingo 15 de xuño, a partir das 10:00 horas, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos

Cervo, xuño de 2025. O Concello de Cervo converterase nun punto de encontro dos amantes dos cans de raza boxer coa celebración, o vindeiro domingo 15 de xuño, da XVIII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, e polo delegado de Boxer Club España en Galicia, Iván García, acompañado por un dos seus cans de raza Boxer, Jalea Ibiltaria no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que será o escenario do evento que a día de hoxe xa conta con máis de trinta exemplares inscritos.

A exposición morfolóxica concentrarase na xornada do domingo, a partir das 10:00 horas e reunirá a criadores, afeccionados e exemplares destacados de toda a rexión e do resto do estado, converténdose nun escaparate do mellor da cría desta emblemática raza.

A xuíza Ana Paola Díaz Esteban será a encargada de xulgar a todos os participantes nas diferentes categorías, con premios para o mellor boxer nacido en Galicia, o mellor veterano, a mellor promesa, o mellor xove ou o mellor de raza, entre outras moitas categorías.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a achegarse durante esa xornada a Sargadelos para desfrutar dun día diferente a través deste encontro que reunirá aos mellores exemplares desta raza, e que combina “divulgación, deporte canino e lecer ao aire libre”, tal e como apuntou a alcaldesa.

A inscrición aínda está aberta e toda a información está dispoñible nas redes sociais da Delegación Galega Boxer Club España.

Exit mobile version