O técnico santiagués, que cumprirá su cuarta tempada á fronte da nave laranxa, traballa na composición do plantel e a planificación da campaña
A pesar do golpe anímico producido polo doloroso descenso, das sombras que lanza a situación financeira do club, das ofertas que recibiu nas últimas semanas e do compromiso verbal adquirido con el antes do final de Liga polo novo presidente da entidade, José Luis Sáez, no que lle abría a opción de rescindir o ano de contrato sen cargo para o preparador no caso dun hipotético descenso a Segunda División, David Rial decidiu apostar unha vez máis polo Burela FS e guiar ao cadro laranxa no seu regreso ao segundo chanzo do fútbol sala español.
Esta decisión supón unha noticia importantísima para o club, tendo en conta que o estratega de Santiago deu mostras nas súas tres tempadas dirixindo ao Burela FS de estar totalmente preparado para adestrar na Segunda División e mesmo na mellor liga do mundo, xa que cun plantel moi curto e, seguramente, o orzamento máis baixo de toda a Primeira División, quedou a só un punto de lograr a permanencia, igualando a puntos, ademais, co Noia Portus Apostoli, que si que continuará en Primeira.
David Rial chegou ao banco de Vista Alegre en agosto de 2022, producíndose o primeiro contacto entre a directiva da entidade e o técnico fixo xusto onte tres anos. A chamada do club laranxa chegáballe despois de toda unha vida no Lobelle -posteriormente Santiago Futsal-, a pesar de que cando chegou á Mariña só contaba con 31 anos de idade. Ingresou no Lobelle no 2009 e, tras pasar por practicamente todos os equipos da súa estrutura, converteuse no segundo adestrador do primeiro equipo na campaña 2018/2019, na que compaxinou este cargo co de seleccionador galego Sub-19 masculino. A oportunidade de debutar como primeiro adestrador en Segunda División chegáballe xusto un ano máis tarde, cando tomaba as rendas da escuadra santiaguesa nun momento moi complicado pola súa situación económica, que se viu agravada pola pandemia. Tras unha primeira campaña marcada polo estalido da crise do covid-19, non puido evitar o descenso no seu segundo curso no banco santiagués. Tras un ano sabático chegáballe o ofrecemento do Burela FS e non deixaba escapar a oportunidade de unirse a un club histórico no contexto autonómico e nacional.
O compostelán tomou as rendas dun equipo que se atopaba sumido nunha especie de depresión tras a mala tempada realizada na 2021/2022 en Primeira División, que acabou co descenso matemático do cadro da Mariña bastantes xornadas antes da última. Rial revitalizou a un equipo psicoloxicamente tocado e imprimiulle o seu selo practicamente desde o primeiro momento. Ritmo alto, un esforzo innegociable por parte de toda a plantilla e un equipo moi traballado en todos os aspectos foron os seus acenos de identidade. Con estes ingredientes conseguiu finalizar en segunda posición con 68 puntos, a 15 dun intratable Peñíscola e 8 por encima do terceiro, O Parrulo Ferrol. Con todo, a sorte non lle sorriu aos mariñáns no play off polo título, que vencían en tres partidos nas semifinais ao Sala 10 Zaragoza, pero caían na gran final en dous partidos ante o Alzira, nunha eliminatoria á que os laranxas acudiron moi minguados polas graves lesións de Pitero e Rikelme no terceiro partido do cruzamento ante os aragoneses. Os burelenses perdían na casa nos penaltis o primeiro partido e no segundo facíano cun tanto dos de Alzira a dúas décimas do final.
Coa elección aprendida deste no play off, o Burela FS repetiría no da tempada seguinte tras ser terceiro, a dous puntos da UMA Antequera -segundo- e a 14 do campión, o Wanapix Salga 10 Zaragoza. Na primeiro rolda os burelenses eliminaban en dous partidos ao Unión África Ceutí e na final polo ascenso vencían en Antequera (1-5) e facían o propio no segundo partido nos penaltis, levando á éxtase ao pavillón de Vista Alegre.
Na súa terceira tempada chegaba a gran decepción a nivel clasificatorio, pero valorando todos os expertos do fútbol sala nacional a identidade que lle deu ao equipo desde o comezo e que loitou ata o final en case todos os partidos do presente curso.
Fichaxes e planificación
O técnico santiagués está inmerso en plena voráxine de tentar lograr completar un plantel solvente para competir o próximo curso nunha categoría tan esixente como é a Segunda División. Sonda o mercado en busca de reforzos que completen un cadro de xogadores que non se parecerá en exceso ao que competiu esta campaña na elite, xa que as marchas de Mika, Juninho, Araya, Kaluza, Rikelme, Quelle e Marc Campàs xa foron confirmadas polo club. Así mesmo, Rial traballa tamén en pechar o inicio da pretemporada e os partidos que servirán para preparar un ano que, coa confirmación da súa continuidade no banco, xa achega unha dose importante de ilusión.