Site icon Crónica3.com A Mariña

Do 20 ao 22 de xuño celebraranse en Ribadeo as xornadas gastronómicas de exaltación da ameixa, que organiza Acisa coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación

Ribadeo, 9 de xuño de 2025. Do 20 ao 22 de xuño celebraranse en Ribadeo as xornadas gastronómicas de exaltación da ameixa, que organiza Acisa coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Na cita participarán 21 locais hostaleiros.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “a fin de semana do 20 ao 22 de xuño terán lugar en Ribadeo as xornadas gastronómicas de exaltación da ameixa nas que participarán 21 locais hostaleiros asociados a Acisa, que van ofrecer tapas e pratos preparados cun produto excepcional. Grazas á colaboración da Area de Mar da Deputación de Lugo puidemos desde Acisa organizar esta nova cita. Grazas ao financiamento que nos aporta a Deputación podemos mercar e entregar de forma gratuíta arredor de 250 quilos de ameixa aos participantes así como facer a publicidade e promoción do evento. Esta é xa a sexta vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nalgunhas das campañas que lles propoñemos. No tocante á Área de Mar é a segunda que vez que coa súa axuda podemos levar a cabo unha acción desta características. As anteriores foron as xornadas da lura, que desenvolvemos no ano 2022”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “percibimos da Área de Mar da Deputación de Lugo unha achega de 8.000 euros para levar a cabo esta actividade. Con isto seguimos a remarcar unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos, que se iniciou coas xornadas da lura, as da merluza de Burela, as da cabala, as dos torresmos e as do peixe espada, e que seguen agora coas da ameixa. Deste xeito aportámoslles aos 21 locais participantes unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. Son arredor 250 quilos de ameixa xapónica galega gorda, que se traduce nunhas 12.000 unidades deste bivalvo. Ademais grazas a esta axuda de Mar editamos 5.000 manteis individuais para entregar de xeito gratuíto aos nosos negocios de hostalaría”.

Carmen Cruzado dixo que “as diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa ao longo da vindeira semana, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 21 establecementos os que ofrecerán as súas orixinais preparacións coa ameixa como ingrediente principal de venres a domingo, do 20 ao 22 de xuño. Os locais participantes son: O Indiano, La Solana, Parador de Turismo, Ramonita, Barallocas, O Lar de Manolo, Náutico, A Horta de San Roque, Aware Cakes, E Rincón del Gordo, La Flor de Jose, Mesón D´cata, O Furancho no Camiño, Cayo Coco, Marinero, A Mirandilla, Arancadeira, Los Dulces de Delphine, San Miguel, La Bugalla e La Quinta”.

Pérez Prada manifestou que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nestas datas previas ao verán, a piques de dar comezo a tempada alta, e tamén poñer en valor un produto como a ameixa, aproveitando que son os días mais grandes do ano, cun plan gastronómico inigualable, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano así como aos turistas que xa nos visitan nestas datas. Agardamos desde Acisa que sexa unha fin de semana de moito movemento en Ribadeo”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, engadiu: “queremos contribuír á concienciación da importancia de consumir produtos do mar, de proximidade e de procedencia galega, por saúde e por sabor e da necesidade de facer pobo entre todas e todos. A ameixa destas xornadas é mercada a un provedor local, socio de Acisa. Desde a nosa asociación queremos agradecer a colaboración e o apoio da Área de Mar da Deputación de Lugo, que con esta axuda nominativa de 8.000 euros, permitiranos levar adiante diferentes actividades todos os anos. Neste 2025 quixemos organizar estas novas xornadas gastronómicas en Ribadeo e así facilitarlles parte do produto que van empregar aos locais participantes. Esta foi unha máxima que nos propuxemos desde a directiva que presido e nela seguimos a traballar para beneficio de todos os asociados e asociadas”.

No acto de presentación, que tivo lugar na Deputación de Lugo, participaron o responsable da Área de Mar da Deputación de Lugo, Dani García, a presidenta e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. Todos coincidiron en destacar o alto número de participantes que se darán cita nestas xornadas gastronómicas de exaltación da ameixa.

Exit mobile version