Site icon Crónica3.com A Mariña

Do 4 ao 6 de xullo celebrarase en Ribadeo o XIII Curso de Jazz e Música Moderna

Ribadeo, 25 de xuño de 2025. Desde o venres día 4 de xullo ata o domingo 6 celebrarase en Ribadeo a décimo terceira edición do Curso de Jazz e Música Moderna.

Está organizado pola asociación cultural ribadense Bruar e o presidente do colectivo, Rubén Solloso, anuncia que o curso vai desenvolverse en horario de mañá e de tarde e será impartido por cinco profesores de distintas especialidades: “da batería encargarase Sergio González. A sección de vento estará a cargo do saxofonista Pablo Castaño. A parte de guitarras e baixos correrá por conta de Felipe Villar. E a de piano será impartida por a pianista catalana Cristina Montull. Por último a parte vocal será levada pola cantante coruñesa Ángeles Dorrio”.

Rubén Solloso explica que “é a décima terceira edición deste curso, que é modesto e que pelexamos moito para seguir facendo ano a ano porque é un tipo de música que non é tan popular como outros; entón intentamos que a xente se achegue a este estilo. Normalmente temos entre 15, 20 ou 30 participantes, polo que tocan a moi pouco alumnado por profesor. É por iso que cremos que é un curso moi interesante porque durante 3 días cada profesor/a ten moito tempo para ofrecer unha atención moi personalizada a cada participante. E todo isto por un prezo moi económico. Ademais ao final do curso facemos un concerto de clausura, que será o domingo 6 de xullo ás 19:30 horas ao lado do Concello, na praza Pancho Maseda”.

En canto á matrícula, “o prezo varía: se é para alumnado da Escola de Música de Ribadeo son 70 euros; para socios da asociación cultural Bruar, que somos os que organizamos o curso, 60 euros; e para o público en xeral ou alumnado doutras escolas, 80 euros”, especifica Solloso, que ademais aclara que “este curso está aberto a todos os músicos desas especialidades que ofrecemos, pero recomendamos que o alumnado teña un mínimo dominio do instrumento. É un curso de iniciación, pero o dominio de instrumentos si que hai que telo; recomendamos que leven polo menos uns 4 ou 5 anos de práctica instrumental para poder aproveitar ben o curso”.

O presidente da asociación Bruar tamén comentou que “nas edicións anteriores deste curso a maior parte do alumnado era desta zona, moitos de aquí, de Ribadeo e de concellos próximos, como Vegadeo, Foz, Burela, … Pero tamén hai xente que vén doutros sitios: de Coruña, de Oviedo, de Santiago,…”.

O prazo de inscrición para participar está aberto ata o día 2 de xullo e as persoas interesadas en máis información sobre o curso e para matricularse poden contactar con Rubén Solloso a través do teléfono 677 73 40 84.

Exit mobile version