Site icon Crónica3.com A Mariña

En marcha en Burela unha nova edición do programa ‘Somos Verán’

Burela, 6 de xuño de 2025.- O Concello de Burela volve poñer en marcha este verán o seu programa municipal “Somos Verán”, unha iniciativa xa consolidada e dirixida a nenas e nenos empadroados no municipio que cursen Educación Infantil ou Primaria no curso escolar 2024-2025.

“Somos Verán 2025” desenvolverase nas instalacións do CEIP Os Castros en horario de mañá, de 9:00 a 13:30 horas, de luns a venres, entre o 1 de xullo e o 22 de agosto. O programa estrutúrase en catro quendas, cada unha con 75 prazas dispoñibles:

1ª quenda: do 1 ao 11 de xullo
2ª quenda: do 14 ao 24 de xullo
3ª quenda: do 28 de xullo ao 8 de agosto
4ª quenda: do 11 ao 22 de agosto

As familias interesadas poderán solicitar praza entre os días 9 e 11 de xuño, presentando a documentación necesaria presencialmente na oficina de Gaia ou enviándoa por correo electrónico ao enderezo gaia@burela.org. Será preciso achegar o certificado de convivencia que acredite que toda a unidade familiar está empadroada en Burela.

A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase o 17 de xuño na web municipal (www.burela.org), abríndose despois un prazo de dous días naturais para posibles renuncias.

Como medida de inclusión, resérvanse 6 prazas por quenda para menores en situación de vulnerabilidade, sempre que esta se acredite cun informe dos Servizos Sociais municipais.

A concelleira de Cultura e responsable de Gaia de Burela, Lina Gómez, sinalou que “este programa ofrece ás crianzas un espazo de lecer seguro, educativo e enriquecedor”. O Concello de Burela reafirma así o seu compromiso e aposta por un lecer educativo, seguro e inclusivo para a infancia burelesa.

Exit mobile version