Hai momentos na historia nos que seguir a xogar cos vellos dados é unha temeridade. España, agora mesmo, vive unha situación institucional e política insostible. A corrupción estrutural, a manipulación das institucións, o clientelismo dos partidos e a desconexión coa cidadanía evidencian que o réxime do 78 está esgotado. O espectáculo diario da UCO, da Fiscalía e do Congreso é síntoma dun país sen dirección nin proxecto. Por iso, non chega con pedir eleccións. Cómpre iniciar un proceso constituínte serio e valente que devolva o poder á xente, ás comarcas, aos territorios produtivos e conscientes do país real.
Os partidos: máquinas de poder, non de representación
Os partidos políticos, tal como están deseñados, son máquinas de poder, non instrumentos de representación. Disciplinan, purgan, reparten. Non escoitan. A súa lóxica interna importa máis ca o interese xeral. Nin son democráticos por dentro nin permiten a democracia por fóra. Non representa ao territorio soamente os seus intereses.España non pode seguir refén desta partitocracia. É hora de reducir o seu poder legal, financeiro e institucional. Necesitamos listas abertas reais, elección directa de representantes comarcais, mandatos limitados e incompatibilidades severas. E sobre todo: un novo sistema que prime o territorio e non o aparato partidario.
O pacto que precisamos: sen VOX, sen fanatismos, con liberdade
O país precisa estabilidade, pero non calquera estabilidade. Non pode estar baseada na ameaza da extrema dereita nin na perpetuación de elites corruptas. A verdadeira moderación pasa por un pacto de país sen VOX, sen extremos, que combine liberdade individual, equilibrio territorial e reformas valentes. É posible unha terceira vía: nin centralismo autoritario, nin populismo clientelar. Unha vía liberal, progresista, descentralizadora. Que confíe na iniciativa local, que respecte as identidades diversas e que promova unha economía aberta, verde, industrial e dixital.
Comarcas, e non caudillos
España debe construírse desde abaixo. Desde as comarcas que producen, que coidan, que innovan. Desde os concellos que xeran emprego, que manteñen a cultura viva, que defenden o territorio. Non desde capitales de despacho e propaganda. O futuro pasa por un Senado comarcal, por representantes escollidos directamente polo territorio, por competencias reais en materias claves: enerxía, vivenda, formación, fiscalidade. Pasa por desfacerse das redes clientelares que afogan a iniciativa cidadá.
Conclusión: Refundar ou afundir
Se non refundamos, afundiremos. España precisa eleccións, si. Pero sobre todo necesita refundarse sobre unha nova Constitución que devolva o poder á cidadanía e ao territorio. Recoñeza as Nacións e viva Europa, que traballe no Estado Bilateral. A alternativa é seguir atrapados entre partidos en guerra, corrupción sen castigo e extremos que alimentan o medo.
É tempo de reconstruír con valentía. Desde Galicia, desde as comarcas, con liberdade e responsabilidade.