A previsión é contar cun cadro de persoal no servizo dunhas 25 persoas, maioritariamente socorristas
No día de onte a alcaldesa, Ana Ermida, acompañada pola totalidade do goberno municipal, visitou ás 19 persoas que xa prestan servizo no municipio. Na visita, comprobou tamén o estado do material existente e as novas necesidades, ao verse ampliado notablemente o cadro de persoal.
A rexedora explicou que nestes momentos contan con 17 socorristas e 2 técnicas sanitarias, que se complementarán con máis socorristas e persoal auxiliar para ter o servizo completamente operativo o 1 de xullo.
O Concello de Barreiros vén realizando un importante esforzo nos últimos anos para mellorar o servizo, tanto en persoal como en material. De feito, neste verán contarán con dúas zodiacs e unha moto de auga para reforzar a seguridade.
A alcaldesa manifestou o seu “orgullo por ser quen de ir mellorando e ampliando este servizo cada ano, con todas as dificultades que atopamos.” E lembrou o importante esforzo, tamén económico, que supón para o municipio “xa que a axuda da Xunta agora mesmo é duns 17.000€”, informou.
Ana Ermida agradeceu a todo o persoal que repite nas praias de Barreiros e deu a benvidas ás novas incorporacións, desexando que sexa un verán “tranquilo” e no que “os socorristas actúen o menos posible”. Igualmente, quixo agradecer nomeadamente ás persoas que mantiveron en pé o servizo en anos moi duros, traballando intensa e responsablemente e facendo que Barreiros pasase dunha situación de non ter practicamente socorristas a ampliar cada día máis areais con cobertura”.
Ermida informou que en función das persoas a maiores que poidan contratarse, pretender abrir o máximo número de praias, co obxectivo de poder chegar a abrilas todas. Pero farase sempre atendendo aos criterios marcados pola coordinación do servizo para garantir tanto a seguridade das persoas usuarias como a do propio persoal do servizo.
Outros traballos preparatorios.
Nestes días xa se están levando tamén a cabo o segado e limpeza dos paseos marítimos e accesos ás praias, que xa foran acondicionados no mes de abril e que volverán repasarse, por primeira vez neste concello, a mediados de verán. Igualmente, durante o inverno, fixéronse traballos de limpeza profunda como a retirada de area e terra acumulada en zonas do mesmo.
Está tamén operativo o persoal de limpeza dos baños, mantendo os que se atopan abertos durante todo o ano e preparando os que se abrirán nos vindeiros días.