Site icon Crónica3.com A Mariña

“FITUR non é unha estratexia: é un espello roto”. Juan Carlos Piñeiro

Cada ano repítese o mesmo ritual. Decenas de concellos galegos —moitos sen tren, sen aeroporto, sen política turística real— fan as maletas para ir a FITUR, en Madrid, a feira máis mediática do turismo. Levan gaitas, empanadas, algunha alfombra vermella e moita propaganda institucional. Gastan decenas de miles de euros nun par de días que valen máis para o “post” de Facebook que para atraer un só turista.

Segundo o portal de transparencia, o gasto conxunto de concellos galegos, deputacións e entidades públicas en FITUR supera os 2 millóns de euros cada ano. Iso sen contar dietas, hoteis de catro estrelas, vídeos promocionais sen impacto e autobuses que levan ao coro do municipio a cantar no IFEMA.

E mentres tanto… ¿onde están os turistas?

O 40% dos turistas internacionais que pisan Galicia chegan a través do aeroporto de Porto, un dato brutal que debera estar en todos os plans estratéxicos. Pero non. Non se fala del. É coma se non existise. Ou peor: como se falar del fose recoñecer un fracaso é un tema tabú.

A realidade é que Porto é o aeroporto internacional de facto de Galicia, e as campañas de promoción deberían estar xa nos aeroportos que voan a Porto, nos buscadores online, nos trens e autobuses que cruzan a fronteira. Pero claro, iso non se ve en FITUR, non dá fotos, non enche autobuses de amigos nin se pode xustificar cun contrato menor.

A política turística galega necesita intelixencia, non egos.

Galicia precisa menos pavillóns en FITUR e máis visión. Chega con que a Xunta promocione todo o territorio. Menos gasto institucional en xornais locais e máis acción en puntos de chegada real de turistas. Menos “Galicia Calidade” vendida en formato de ración de polbo para os VIP e máis promoción dixital segmentada. ¿De verdade imos seguir gastando 60.000 euros por stand mentres os turistas escollen Porto para voar? ¿Quen defende esta cegueira?
Propoño unha ruptura. Un xiro radical.

1. Recortar un 50% do gasto galego en FITUR e investir ese diñeiro en campañas en Google Ads, Skyscanner, Airbnb, e nos aeroportos que conectan co Sá Carneiro.

2. Negociar unha campaña conxunta co Norte de Portugal como destino atlántico europeo atlántico.

3. Eliminar o reparto clientelar de stands e actuacións sen impacto, substituíndo FITUR por plans de acción con retorno medible.

Galicia non pode seguir sendo unha postal para os de sempre. Necesita ser un destino para os que veñen de verdade. Non podemos xustificar gasto para consumo interno, cando o que realmente se move é o que entra por Portugal e con maior capacidade de gasto.
Porque o turismo non se mide en fotos no IFEMA dos concelleiros de cada concello. Mídese en camas ocupadas, en empregos estables e en estratexia internacional. Conseguindo un calendario estable e desestacionalizado.

IFEMA está ben, con sentidiño e gastando o xusto, canto impacto terían eses cartos invertidos en campañas internacionais? Mais claro, os alcaldes de turno non irían de paseo a Madrid.

Menos viaxe a Madrid. Máis País e máis sensatos nos gastos.

Exit mobile version