A Xunta tamén reforzou a atención primaria nos concellos da Mariña, co incremento de persoal, o servizo de nutricionista ou a atención a domicilio para pacientes do rural
O conselleiro sinalou que, na actualidade, profesionais do Hospital Lucus Augusti e do de Monforte de Lemos estanse a desprazar para reforzar os distintos servizos do Hospital da Mariña, tanto en gardas como en consultas.
Estes reforzos aos que se referiu o conselleiro permitiron ao Hospital da Mariña atender nos primeiros días do mes de xuño máis de 300 pacientes en cardioloxía, grazas á existencia da área sanitaria que integra os tres hospitais da provincia de Lugo, que posibilita que cando un deles precisa apoio, o resto responde.
Esta estrutura deseñada polo Servizo Galego de Saúde é garantía de equidade, facendo posible proporcionar servizos complexos nestes centros.
Segundo o conselleiro, a asistencia en rede, o traballo en equipo e a colaboración entre todos os profesionais é a filosofía coa que traballa o Servizo Galego de Saúde para dar a mellor atención sanitaria á veciñanza da Mariña.
Gómez Caamaño tamén indicou que o seu departamento está a piques de resolver un concurso que xa permitiu incorporar cinco especialistas ao Hospital da Mariña e co que se pretende cubrir 17 prazas máis.
Estas prazas permitirán continuar incrementando o cadro de persoal deste hospital como así o leva facendo a Xunta coa incorporación de 154 profesionais máis desde 2010, o que supón un incremento de preto dun 30 %.
O titular de Sanidade, lembrou, non obstante, que a situación do Hospital da Mariña responde á falta de médicos en determinadas especialidades, un problema que afecta a toda España e que corresponde ao Goberno central da solución, xa que é a súa competencia.
Incremento de servizos e aposta pola atención primaria
Na súa intervención no Parlamento, o conselleiro tamén puxo en valor o aumento de servizos do Hospital da Mariña, entre os que citou a oncohematoloxía, a resonancia magnética fixa, a hospitalización a domicilio ou a segunda sala de endoscopias.
Así mesmo, a Xunta tamén ampliou o hospital en máis de 6.000 m2, dotándoo dun novo edificio de consultas externas e dun novo edificio de hospitalización, cun investimento de 20 millóns de euros.
Respecto da atención primaria, o conselleiro subliñou a aposta da Xunta por este nivel asistencial, referindo que non se amortizou ningunha praza nos centros de saúde, a pesar de que hai concellos con cotas moi baixas de tarxetas sanitarias.
Pola contra, nos municipios con máis poboación, o Servizo Galego de Saúde incrementou o cadro de persoal. Citou como exemplo o PAC de Viveiro, que agora conta con dous equipos todos os días. Ademais, na actualidade, na Mariña hai servizo de nutricionista e atención a domicilio para pacientes do rural.
Gómez Caamaño reiterou que a Xunta non deixa de traballar para ofrecerlle a mellor atención sanitaria á veciñanza da Mariña, tanto en atención primaria como hospitalaria, con medidas como a renovación de infraestruturas, a mellora das condicións laborais e retributivas do persoal e os reforzos na asistencia.