Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural destina 72.000 euros aos produtores de Faba de Lourenzá para que poidan facer fronte aos sobrecustos derivados das últimas colleitas

O obxectivo é que os produtores poidan cubrir os sobrecustos de produción derivados das condicións meteorolóxicas adversas que afectaron ás colleitas dos últimos anos, especialmente tras as choivas da primavera de 2024

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os produtores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Estas achegas teñen un orzamento de 72.000 euros e teñen como obxectivo cubrir os sobrecustos de produción derivados das condicións meteorolóxicas adversas que afectaron ás colleitas dos últimos anos, especialmente tras as choivas da primavera 2024 que fixeron aparecer ataques fúnxicos.

Poden beneficiarse destas achegas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións agrarias situadas na área xeográfica delimitada para esta IXP. A explotación beneficiaria deberá estar inscrita no rexistro de plantacións da indicación e terá que ter feita a declaración de sementeira correspondente ao ano 2024.

O prazo para solicitar as achegas será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación desta resolución no DOG. A contía das axudas ascende aos 2.000 euros por hectárea sementada.

Medidas complementarias

A liña de achegas súmase a outras accións levadas a cabo polo Goberno autonómico co obxectivo de apoiar á IXP Faba de Lourenzá, como o impulso da formación a través de xornadas no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo ou as liñas de traballo de investigación a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para analizar a eficacia dos actuais tratamentos fitosanitarios, a procura de novos tratamentos para abordar a incidencia dos fungos ante o cambio climático.

O obxectivo destas accións é promover a incorporación de prácticas agronómicas na produción da faba: rotación de cultivos, marcos de plantación, eliminación da viriosis na semente, fomentar a transformación e comercialización da faba de Lourenzá así como impulsar a incorporación de produtores a IXP Faba de Lourenzá.

Asemade, crearase unha rede de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes centros de formación dependentes da Consellería. O primeiro que se porá en marcha será no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo o vindeiro mes de setembro, cun curso específico sobre a elaboración de hummus con Faba de Lourenzá. Estes espazos terán como finalidade acompañar e formar os profesionais do agro nos procesos de elaboración, transformación, innovación e comercialización das súas producións.

Exit mobile version