Site icon Crónica3.com A Mariña

Michal Kaluza despídese do Burela FS despois de seis apaixonantes tempadas

O porteiro internacional polaco foi clave no ascenso do pasado curso a 1ª e logrou o premio de mellor gardamallas de 2ª División dúas tempadas consecutivas

Burela, 16 de xuño, 2025. O porteiro internacional polaco Michal Kaluza poñerá fin este verán a seis apaixonantes tempadas no Burela FS, nas que defendeu o marco laranxa durante catro campañas na máxima categoría e dúas en Segunda División, sendo escollido en ambas as ocasións pola Asociación de Xogadores de Fútbol sala (AJFS) como o mellor gardameta desta categoría.

Desde o club só temos palabras de agradecemento para un futbolista que chegou como unha xove promesa a Burela e que regresa ao seu país sendo un porteiro totalmente contrastado e ocupando a titularidade da meta da selección polaca. Ademais de ser un grandísimo profesional, serio, meticuloso e cun compromiso total, en Burela demostrou por encima de todo ser unha fantástica persoa e o seu comportamento foi intachable e exemplar durante estes seis anos. E é por todo iso que só podemos desexarlle toda a sorte do mundo e os maiores éxitos posibles na súa vida persoal, así como a nivel deportivo co seu novo club e a súa selección nacional.

Michal Marek Kaluza (Bielsko-Biala, 1998) comprometeuse por primeira vez co Burela FS en xullo de 2019, logo de ser seleccionado meses antes como un dos mellores porteiros do mundo nos Futsal Umbro Awards. A piques de cumprir 21 anos, o polaco chegaba á Mariña para reforzar a portería laranxa na segunda etapa do club en Primeira División. Chegaba procedente do equipo da súa cidade, o Rekord Bielsko-Biala, club de referencia en Polonia e ao que regresa agora. Durante os tres anos que durou esta travesía na elite, Kaluza compartiu o marco co mítico Edu. Aos poucos foi gañando minutos e demostrando as súas principais calidades, entre as que destacan os seus grandes reflexos baixo paus e o bo desprazamento de balón, tanto coa man como co pé. Esta última característica demostrouna mesmo no curso recentemente terminado anotando dous tantos desde a súa propia área na vitoria en Vista Alegre diante do ATP Iluminación Tudelano Ribeira Navarra: 3-1.

Co descenso a 2ª e a marcha de Edu, Kaluza colleu os galóns de porteiro titular e non os soltou nos tres cursos seguintes, nos que compartiu marco co canteirán Bruno e, as dúas últimas campañas, co brasileiro Mika. Asentado totalmente na portería laranxa, as súas grandes actuacións no segundo chanzo do fútbol sala español servíronlle para facerse co mencionado premio da Asociación de Xogadores de Fútbol sala dous anos seguidos. Tras ser unha das pezas claves no ascenso a Primeira, esta campaña tamén destacou polas súas grandísimas actuacións e foi un dos piares nos que se apoiou o equipo burelés para chegar con opcións de permanencia ata a última xornada.

Exit mobile version