Site icon Crónica3.com A Mariña

O 29 de xuño dará comezo unha nova edición do Mercado dos Domingos de Ribadeo, que impulsa a alimentación de proximidade, a sostibilidade e o consumo local

Ribadeo, 26 de xuño de 2025. Do 29 de xuño ao 12 de outubro terá lugar unha nova edición do Mercado dos Domingos, que foi presentado en Ribadeo.

A concelleira de Comercio e Promoción Económica, Marta Saiz, explicou que “como cada tempada, coa chegada do verán, retomamos o Mercado dos Domingos, que dará comezo o próximo día 29  na contorna da Praza de Abastos. Trátase dun mercado no que atoparemos produtos da nosa horta, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo dos produtos de tempada”.

O alcalde, Dani Vega, aludiu á importancia de atopar relevo xeracional na agricultura: “todas as administracións debemos xuntarnos para que moita mocidade observe que ser agricultor tamén pode ser un medio de vida”.

O rexedor subliñou que “o Mercado dos Domingos é un axente dinamizador, que axuda e impulsa a economía local e tamén o comercio da vila”. Convidou a achegarse desde este 29 de xuño a esta cita cos produtos de proximidade e felicitou á asociación A Sucadoira polo seu traballo.

Desde A Sucadoira a súa presidenta, Ana Díaz, e o secretario, Breogán Ermida, destacaron a fidelidade da clientela que cada mañá dominical se achega ao Mercado dos Domingos para mercar os produtos da horta: “a clientela responde moi ben, porque lle gusta o produto de proximidade”, dixo Díaz. Pola súa banda, Ermida fixo fincapé na calidade: “aquí poden atopar calidade, sabores de antaño e cousiña boa. Hai moi ambiente e moitas actividades como concertos, obradoiros de cociña, cociña de aproveitamento…”.

O Mercado dos Domingos, que está organizado pola Asociación de Produtores de Horta A Sucadoira e polo Concello de Ribadeo, terá lugar cada xornada dominical dende o  29 de xuño ata o 12 de outubro na contorna da Praza de Abastos en horario de 9 a 14 horas.

Exit mobile version