A formación nacionalista sinala que non é a primeira vez que o Partido Popular mente descaradamente sobre o traballo do BNG na cámara alta: “non todo vale”
A moción do BNG, aprobada, responde a unha inxusta exclusión
Non é a primeira vez que a organización nacionalista leva a debate e votación iniciativas na Comisión de Pesca no Senado. De facto, lembra a formación, a primeira defendida polo BNG tiña por obxecto impulsar axudas ás mariscadoras frente a inacción da Xunta de Galiza e o Goberno do Estado.
Neste caso concreto, a moción do BNG -debatida e aprobada- buscaba corrixir unha inxustiza e que a tripulación dos buques palangreiros e arrastreiros conxeladores se lles aplique o coeficiente redutor máximo da idade de xubilación, 0,40, e garantir así a xubilación anticipada dos e das mariñeiras.
A iniciativa responde á inxusta exclusións destes traballadores do mar do dereito á xubilación anticipada en igualdade de condicións co resto da frota conxeladora. Unha discriminación que afecta de maneira directa a máis de 1.500 mariñeiros galegos de 149 barcos que traballan en condicións extremadamente duras e perigosas.
O BNG sempre na defensa da frota pesqueira galega
Sobre a emenda rexistrada polo Partido Popular, lonxe da realidade, o propio senador popular afirmou durante o debate que a achega “non ten nada que ver coa moción presentada polo BNG”. A moción concreta presentada polo BNG -e aprobada pola Comisión- non tiña por obxecto “modificar os coeficientes redutores” senón “facer xustiza cunha discriminación e que se lle apliquen os coeficientes redutores máximos a palangreiros e arrastreiros conxeladores aos que teñen dereito”.
Non hai ningún problema, explicaba a senadora do BNG durante o debate da iniciativa, en que se se presenta unha moción para modificar os coeficientes redutores: “se esa iniciativa ten por obxectivo mellorar as condicións dos mariñeiros e mariñeiras, contará co apoio do BNG” sinalaba Carme da Silva.
De todos modos, segundo repasaba a senadora do BNG, nas iniciativas pendentes a debater nesa mesma Comisión rexistradas polo Partido Popular, ”non aparece en ningún momento mención algunha á necesidade de abrir un debate, en xeral, sobre a modificación dos coeficientes redutores dos traballadores e traballadoras do mar”.
Frente á manipulación: traballo e defensa da Galiza
O Bloque Nacionalista Galego reafirma o seu compromiso na defensa dos intereses de Galiza e seguirá a traballar, no concreto, en defensa da dignificación das condicións laborais e da xustiza social para os e as traballadoras do mar. “Non é a primeira vez que o Partido Popular mente descaradamente sobre o traballo que o BNG realiza nas Cortes do Estado mais os feitos falan por si mesmos”.