Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro propón unha redución na factura da auga para compensar os gastos derivados da compra de auga embotellada

Viveiro, 9 de xuño, 2025. O BNG de Viveiro, a través da súa portavoz Míriam Bermúdez, vén de propoñer que o Concello valore a posibilidade de aplicar unha redución na factura da auga ás persoas afectadas pola recente contaminación do río Landro, que obrigou a moitos fogares e negocios a recorrer á compra de auga embotellada.

A portavoz nacionalista sinala que “moitas familias tiveron que asumir un gasto extraordinario e non previsto, polo que consideramos que sería un xesto de responsabilidade e sensibilidade aplicar unha compensación proporcional nas vindeiras facturas da auga para que a veciñanza non pague a auga dúas veces”.

Desde o BNG defenden que esta medida ten un carácter excepcional e busca unicamente aliviar o impacto económico que esta situación puido supoñer para a veciñanza, especialmente nas parroquias e zonas máis afectadas.

Bermúdez expresou a súa confianza en que esta proposta sexa considerada de forma positiva polo goberno municipal: “Trátase de sumar esforzos e buscar solucións xustas para quen tivo que facer fronte a un problema alleo á súa vontade”.

O BNG tamén expresou o seu compromiso de continuar traballando para garantir a protección do río Landro e da calidade da auga, sempre desde a cooperación institucional e o diálogo construtivo.

Exit mobile version