Pide reparar os accesos xa existentes que actualmente están en mal estado e instalar ramplas, como no caso de Arealonga, ante a dificultade para acceder á praia
A organización nacionalista aposta por combinar a preservación do medio coa dotación de servizos e o coidado dos accesos a prais como Arealonga, San Román e Abrela. Todas elas situadas no termo municipal do termo municipal do Vicedo. Este concello, explica o deputado nacionalista, posúe un litoral cunha grande riqueza e beleza natural, combinando fermosos cantís con praias de area fina e resgardadas.
“Un patrimonio natural que constitúe, ademais, un importante atractivo turístico e, por tanto, un motor económico para o municipio” reivindica o deputado nacionalista.
Ante a situación de abandono, Néstor Rego demanda actuacións de mellora nos accesos destas praias. No concreto, a praia de Arealonga solicita a instalación de ramplas que permitan salvar o desnivel de acceso desde os camiños até a area, ademais da mellora das propias sendas para acceder até a praia. “Este areal abrigado, de grande extensión, é unha zona de difícil acceso, en especial para persoas con mobilidade reducida” salienta o deputado nacionalista.
Así mesmo, no relativo á praia de San Román, que fica situada entre cantís, precisaríase a mellora e reparación da pasarela existente. “Os últimos invernos e os movementos de area fixeron que esta instalación quedara soterrada na súa grande maioría polo que son precisas actuacións que favorezan o acceso até a praia de forma segura” urxe Rego.
“Nunha situación semellante atópase a praia de Abrela, rodeada de dunas e cun paseo de madeira que precisa de reparación e melloras nas pasarelas de acceso que permitan atravesar o complexo de dunas” reclama.