Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo convoca un novo curso de monitor de tempo libre para incidir na mellora da empregabilidade da mocidade

A inscrición, que se pode formalizar na Casa da Cultura, é de balde, e o prazo remata o 23 de xuño

Cervo, 7 de xuño 2025. O Concello de Cervo vén de abrir a convocatoria para un curso de monitor de tempo libre que se enmarca no programa Avívate en Cervo VIII, dirixido a rapaces e rapazas maiores de 18 anos.

O curso, que é de balde, tivo unha gran acollida en anteriores edicións, tal e como sinala a alcaldesa Dolores García Caramés, polo que “apostamos por seguir ofrecéndolle á nosa mocidade esta ferramenta formativa “que contribúe a dotalos da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro, co obxectivo de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e as súas oportunidades laborais no ámbito do lecer educativo nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.

O curso dirixido pois á mocidade que busca ampliar o seu currículum, permitirá ao alumnado obter unha titulación oficial homologada e será impartido por profesionais acreditados e combinará parte teórica con prácticas obrigatorias, tal e como marca a normativa vixente e non terá custo algún para os participantes.

A alcaldesa quixo animar a todos os mozos e mozas a aproveitar esta oportunidade, xa que “ademais de obter unha formación útil e recoñecida, van ter a ocasión de compartir experiencias e coñecementos nun ambiente dinámico e participativo”.

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse na Casa da Cultura ata o 23 de xuño.

O curso comezará o 1 de xullo ata o 13 de agosto, e as prazas son limitadas.

Exit mobile version