Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Trabada organizará visitas guiadas e xornadas de portas abertas no centro etnográfico José Rocha

Trabada, 26 de xuño de 2025. O Concello de Trabada anuncia a posta en marcha dunha iniciativa para potenciar e dar a coñecer o legado de José Rocha Gasalla, veciño do municipio recentemente falecido e doador de todo o patrimonio que conforma o actual centro etnográfico José Rocha. A decisión de organizar xornadas de portas abertas e visitas guiadas nace como homenaxe e recoñecemento á súa xenerosa achega e co obxectivo de manter vivo o seu legado.

Esta nova proposta inclúe a organización de xornadas de portas abertas e visitas guiadas dirixidas tanto á veciñanza como a visitantes, co obxectivo de achegar a riqueza patrimonial e histórica da colección doada por José Rocha. A previsión é que a primeira xornada teña lugar no mes de agosto, coincidindo coas festas de Trabada que son datas sinaladas de maior afluencia e interese turístico.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explica que “queremos que este centro se converta nun espazo vivo, visitable e valorado durante todo o ano. A intención é dar continuidade a esta iniciativa e incluíla na programación cultural e educativa do concello”.

O centro etnográfico José Rocha alberga máis de mil pezas históricas, entre as que se inclúen apeiros de labranza, maquinaria tradicional, ferramentas, mobles antigos, libros do século XVI, obxectos relixiosos, cadros, roupa e mesmo unha recreación dunha antiga escola. A súa visita permite facer unha viaxe no tempo e coñecer a fondo o pasado agrícola, gandeiro e social da zona.

Rubén García engade que “a mellor maneira de homenaxear a José Rocha é garantindo que o seu legado siga vivo, compartido e recoñecido por todos. Grazas á súa xenerosidade, hoxe temos un museo que é un orgullo para o noso concello”.

Nas vindeiras semanas o Concello irá informando das datas concretas e novidades relativas ao calendario destas visitas e xornadas.

Exit mobile version